03 octubre 2008

Pontevedra : saborea o pracer dos PECADOS


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Concellería de Cultura quere facer deste final de ano unha época inesquencible, por iso articulou “Pecados”, o primeiro ciclo de músicas prohibidas que se desenvolverá no Pazo da Cultura e nas rúas da cidade durante os vindeiros tres meses. Os seus creadores coa concelleira de Cultura ao fronte, Lola Dopico, aseguran que “os nosos pecados son a plurialidade, a curiosidade e a ignorancia. Descoñecemos, por exemplo, as fronteiras entre etiquetas e xéneros. Cremos, por un momento, que Stereolab, The Residents e Toumani Diabaté podían armar o cartel dun festival, que a electrónica e a música tradicional africana e o pop e a performance podían convivir e dialogar nun mesmo espazo e coa mesma coartada. Semellaba difícil, pero tamén o era levar aos Sex Pistols ao século XVIII, como se o punk puidese virar ópera, e velaí está o Dúo Dithyrambe para facelo posíbel. O Concello de Pontevedra fixo o resto”. Son precisamente estes catro concertos os que propón a Concellería de Cultura para os nosos primeiros “Pecados”. Hoxe mesmo e mañá o dúo Dithyrambe actuará na Casa das Campás (na presentación aos medios), e nas prazas da Peregrina, Ferraría e Verdura. “Coma anxos caídos, logo de 257 anos e tres meses conxeladas nalgún recanto perdido nos Alpes, Madame Bérénice de la Trouffinière e Madame Culnégonde de la Garde Montée acordan de súpeto no cambio de milenio arrodeadas de sonoridades populares contemporáneas, do punk ao disco ou o hard rock. Fascinadas, estas discípulas de Bach adaptan todo o que lles gorenta ao seu rexistro lírico do século XVIII e empezan a percorrer rúas, prazas, teatros e cafés do mundo enteiro co seu ukelele apropiándose dos Clash, de Abba ou dos ACDC. Se os Sex Pistols fixeran ópera, soarían coma elas”. O testigo recollerao Toumani Diatabé, que actuará no Pazo da Cultura, o vindeiro 12 de outubro a partir das 21.00 horas. “A kora, unha variante da arpa procedente da África Occidental, ten vinte e unha cordas. Poden parecer moitas, pero a Toumani Diabaté sóbranlle dentes para tocala. Nacido nos anos sesenta en Bamako (Mali), fillo do músico Sidiki Diabaté e descendente dunha longa liñaxe de intérpretes, máis de setenta antes ca el, é hoxe un dos maiores virtuosos da kora. Rebelde e heterodoxo, é porén o mellor embaixador da tradición musical do seu país. Coma os griots das tribos africanas, antigos contadores de historias que tecían a comunidade coa palabra, Toumani armou na Symmetric Orchestra unha ferramenta para furar fronteiras. Co seu último disco, The Mande Variations, estrea nova formación”. “Pecados” continúa coa entrada en escea de Stereolab, que actuará o 21 de novembro a partir das 21.00 horas, no Pazo da Cultura. “Entre a ourivaría pop e a experimentación, a medio camiño entre o savoir faire e a pescuda de novos riscos, a banda británica Stereolab leva máis de quince anos incomodamente instalada na vangarda, a arrandear con lucidez entre o krautrock, a bossa e o lounge. O recente Chemical Chords (2008), primeiro álbum en catro anos e undécimo na súa prolífica carreira, colócaos de novo no lugar que acadaran con títulos tan emblemáticos da música popular contemporánea como o Emperor Tomato Ketchup que publicaran en 1996. Un tratado sobre o ritmo con final feliz. Un retorno agardado”. Esta comunión de músicas prohibidas remata coa actuación de The Residents, que pechará Pecados o 9 de decembro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. “Están aquí porque nunca se foran. Son aínda un colectivo de músicos e videocreadores anónimos porque o seu programa ideolóxico non mudou unha coma dende The Third Reich’n’Roll (1996). Talvez por iso, The Residents seguen a cuestionar o pop como artefacto do mercado cultural contemporáneo. Agora atacan de novo con The Bunny Boy, un álbum, un personaxe, unha serie saída da internet, unha coartada conceptual e unha posta en escena que nin é música ao vivo nin é teatro nin é videoarte. Sesenta discos máis tarde, The Residents seguen aí. Esta é a súa primera xira mundial en anos”. Ademais, Pecados porá en marcha un intercambio novidoso no mundo da música. Propón un intercambio de CD´S as fins de semana do 4 e 5 e 11 e 12 de outubro nas prazas da Peregrina e a Verdura a partir das 12.00 horas. O propósito é que collas un CD orixinal da túa colección e te achegues á estas prazas en busca do posto de Pecados. Alí poderás deixalo e has recibir a cambio outro. Non calquera senón todo o contrario: un disco único, o mesmo para todos. Se queres saber cal achégate ao posto de Pecados. “E se decides non vir, faite un favor: non preguntes o que perdeches porque ha ser moi difícil que o atopes na túa tenda habitual. Imos fabricar un hit”.

O novo ciclo de músicas prohibidas centrará a actividade cultural para adultos no eido da música nos meses previos ao nadal, tendo como escenario o Pazo da Cultura e as prazas e rúas da cidade. O dúo Dithyrambe actúa esta mesma tarde na Ferraría ás 19.00 horas e as 21.00 horas na Verdura. Mañá será ás 12.00 na Peregrina, ás 19.00 horas na Ferraría, e 21.00 horas na Verdura