24 marzo 2009

El BNG aplaude la retirada de las tropas de Kosovo pero lamenta que sea para enviarlas a Afganistán

O BNG APOIA A SAÍDA DAS TROPAS ESPAÑOLAS DE KOSOVO PERO CRITICA QUE “SE RETIREN AS TROPAS DUN SITIO PARA LOGO ENVIALAS A AFGANISTÁN”
Jorquera remarca a “debilidade do Estado español á hora de tomar decisións autónomas. É de lamentar que o Goberno adopte decisións e asuma que ten que compensar o decidido”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, manifestou hoxe o apoio dos nacionalistas galegos á decisión do Goberno español de retirar as tropas de Kosovo mais critica que “se decida quitar as tropas dun sitio, Kosovo, para acto seguido envialas a outro lugar, Afganistán”.

O parlamentar do BNG considera que a decisión do Goberno “é totalmente lexítima porque non existía un compromiso ligado á configuración dun Estado independente, unha visión que o Goberno español non compartiu”. Pero subliña a “evidente debilidade do Estado español á hora de tomar decisións autónomas”, en relación ao nivel de presións que recibe desde a OTAN e desde EE.UU que tildou de “intolerábeis sobre un Estado soberano”.
Deixou claro que os Gobernos de Estados soberanos teñen dereito a ter posicións autónomas en relación coa presenza de tropas no estranxeiro.

Desde logo, considerou, “non compartimos a idea de que a mellor maneira de contribuir á pacificación dunha zona e á configuración dun novo Estado kosovar sexa através da presenza de tropas militares estranxeiras. No caso dos Balcáns, a presenza de tropas da OTAN nunca foi en pro da pacificación, só se pretendía romar a antiga Iugoslavia sen medir as consecuencias”.

O BNG nunca apoiou o envío de tropas “a ningunha parte”
Retirar tropas dun sitio para levalas a outro

Nesa liña, lembrou que o BNG “nunca apoiou a política de envío de continxentes militares españois ao exterior”.

Para Jorquera o que “é de lamentar e que o Estado español tome decisións e asuma que ten que compensar o decidido. É dicer, retira as tropas de Kosovo para logo envialas a Afganistán, seguindo a estratexia de EE.UU e da OTAN, cando o que hai no pais afgano é un exército de ocupación que conta coa oposición manifesta da poboación”.

“Está claro que após de 8 anos de presenza da OTAN no territorio afgano, o único que fixeron foi empiorar a situación”, sinalou o deputado do BNG.
De novo, o deputado do BNG aproveitou a ocasión para “exixir” a retirada das tropas despregadas en Afganistán e impulsar un proceso de diálogo para que ese pais restaure a soberanía.