Ademais das adxudicacións por valor de 130 millóns de euros, Política Territorial está aprobar modificados e proxectos complementarios que deberían ser decididos polo novo Goberno, como o desdobramento da conexión Brión-Noia
Caride ignora que xa está en funcións e tramita contratos complementarios con construtoras para restar marxe de manobra aos seus sucesores
·A autorización de 5 M€ para o futuro desdobramento do corredor Brión-Martelo é un exemplo das présas do bipartito antes de abandonar o poder, pero tamén revela que a Xunta mentiu sobre este proxecto
·Ruiz Rivas insiste en reclamar ao bipartito que se comporte con dignidade antes de abandonar a Xunta e pide que dediquen os seus esforzos á xestión ordinaria e a facilitar a transición en lugar de baleirar as arcas públicas
·As présas da Xunta por adoptar decisións de carácter económico, contrastan coa súa inacción de cara ao traspaso de poderes
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A conselleira de Política Territorial, María José Caride, ignora que xa se atopa en funcións e continúa a dedicar os últimos días do seu mandato a tomar decisións de fondo calado económico para restar marxe de manobra ao equipo que a suceda á fronte dese departamento autonómico.
Así, mentres que hai uns días se coñecía que, a pesar de estar en funcións, Política Territorial ultima adxudicacións valoradas en 130 millóns de euros, o PPdeG denuncia agora que ese mesmo departamento está a aprobar modificados de obras e proxectos complementarios que non corren urxencia algunha e, polo tanto, deberían ser analizados polo novo equipo directivo desa Consellería.
Como exemplo desas prácticas anómalas, o PPdeG refírese á autorización dun gasto de 5 millóns de euros, adoptado no Consello da Xunta deste mércores, para a execución das excavacións necesarias de cara a un hipotético desdobramento en autovía do tramo Brión-Martelo, do corredor Brión-Noia.
MENTIRAS
Con esta decisión, a Xunta non só adoptou unha medida de fondo calado económico atopándose en funcións senón que, ademais, se puxo de manifesto que o bipartito mentiu deliberamente á sociedade galega en relación con este proxecto.
Cando a Xunta sacou a concurso, hai dous anos, esa obra argumentou que non a puidera licitar antes porque necesitara dun tempo complementario para reformular o proxecto para contemplar o futuro desdobramento do corredor Brión-Noia en Autovía. Sen embargo, a autorización efectuada no Consello da Xunta do pasado mércores revela que tal desdobramento non estaba previsto incicialmente, en contra do que afirmara a Administración autonómica.
CHAMAMENTO Á DIGNIDADE DO BIPARTITO
Neste contexto, o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, insiste en reclamar ao bipartito que se comporte con dignidade antes de abandonar a Xunta e que, en lugar de baleirar as arcas públicas mediante adxudicacións masivas, e a aprobación de proxectos modificados e complementarios que comportan un forte desembolso económico, dedique os seus últimos esforzos á xestión ordinaria que está paralizada e a facilitar a transición.
SEN NOVIDADE CARA O TRASPASO
Para Ruiz Rivas, as présas da Xunta por adoptar decisións de carácter económico, contrastan coa súa inacción de cara ao traspaso de poderes. “Estamos coma o primeiro día, sen un só contacto por parte da Xunta para iniciar o traspaso de poderes”, agrega.