Investigadores vigueses denuncian o espolio do mundo rural como principal impacto da enerxía eólica en Galicia
Os propietarios dos terreos non se beneficiaron máis alá do 1,2% das rendas
VIGO/PONTEVEDRA (D. Besadío | Diario da Universidade de Vigo)
No 2006 os 130 parques eólicos que hai en funcionamento en Galicia facturaron 650 millóns de euros, máis do 50% da renda que producen as arredor de 100.000 explotacións agrarias coas que conta a comunidade, sen embargo tan só o 1,2% destas rendas tiveron como destino o mundo rural. Son algúns dos datos que manexan os investigadores do Grupo de economía ecolóxica e agroecoloxía, pioneiros no estudo do impacto socioeconómico da enerxía eólica en Galicia.
Conscientes de que a enerxía eólica é un dos elementos necesarios para construír un modelo enerxético sustentábel, estes investigadores consideran que a maneira en que se desenvolveu foi socialmente inxusta e contribuíu á deterioración de algúns espazos de alto valor ecolóxico, ata o punto de afirmar que a implantación dos parques eólicos se converteu “nun proceso de espoliación dun mundo rural que xa estaba en decadencia”, sinala Xavier Simón, profesor responsable da investigación.
A especulación cos megavatios agravou o proceso
Despois de realizar arredor de 70 visitas por todo o territorio galego estes investigadores manexan unha base de datos de arredor de 100 entradas con ampla información sobre as condicións económicas e sociais que se estableceron entre os produtores da enerxía eólica e os propietarios da terra. Con este aval detrás non dubidan en afirmar que, pese ao lucrativo deste negocio, a xente segue a marchar das aldeas, as explotacións pechan, a terra abandónase e “en lugar de fortalecer ás comunidades rurais colleuse o negocio e trasladóuselle gratuitamente a compañías multinacionais que nin sequera están vinculadas, directa ou indirectamente, co tecido empresarial galego”, apunta Simón.
Segundo salientan, os propietarios dos montes víronse indefensos fronte aos equipos de avogados destas multinacionais que acudían ás súas casas para dicirlles que naquel monte ían a instalar un parque eólico e que, ou aceptaban o acordo que lle propuñan ou ían a expropiar. “As empresas sempre xogaron coa espada da expropiación para propiciar acordos nalgúns casos ridículos” afirma Simón, que non dubida en dar varios exemplos sobre este tipo de “pactos”, “falo de casos coma, os de Acciona na Serra do Xistral onde comezou pagando 900 euros por muíño, e outros similares na zona do Barbanza coa empresa Gamesa, unha das principais operadoras”.
Á vista destes resultados consideran que tanto os sindicatos, coma os partidos políticos, coma as organizacións profesionais, incluso o movemento ecoloxista non estivo á altura das circunstancias para tratar de frear o impacto negativo que tiña este tipo de acordos en termos de renda. Ademais, segundo afirman, houbo aspectos que agravaron o proceso, tales como a especulación cos megavatios, “é dicir, xente que se fixo titular simplemente para volver a vender sen ter investido nada, algo que a Xunta debería ter limitado pero sobre o que non actuou”.
Os investigadores visitaron xa a maior parte dos parques eólicos instalados
Para levar a cabo este traballo os tres investigadores encargados do proxecto manexan unha importante cantidade de información técnica sobre os parques, coñecen o seu promotor, investimento, potencia, facturación, produción... sen embargo, non hai fontes documentais cando se trata de estudar a forma en que se ocuparon os espazos nos que se situaron as torres eólicas, polo que a única maneira de facerse con esta información é visitar un por un cada parque eólico e entrevistarse cos propietarios dos terreos.
Conseguir os contactos dos propietarios é, precisamente, un dos aspectos máis complicados, “pois non hai ningunha base de datos e facémolo a través dos concellos, de coñecidos ou, outras veces, é a propia sorte a que te leva ata alguén”, salienta Simón. Unha vez contactados o que fan é explicarlle quen son e o traballo que están a desenvolver. Despois ven a entrevista en si na que, ademais de coñecer os termos exactos da negociación, coñecen in situ os terreos, a dinámica da propia comunidade de montes, a súa percepción sobre o parque eólico e o destino das rendas que reciben.
Destes encontros destacan tamén a enorme aceptación coa que son recibidos por parte dos propietarios pois, “sempre salientan que é a primeira vez que alguén os chama interesándose por coñecer como foi ese proceso”.
A información que obteñen segue sempre un patrón tipo, “ata o punto de que podemos afirmar que no 95% dos casos as empresas enganaron vilmente aos donos dos terreos. Cando imos a un parque e lle dicimos a ese propietario que ese parque facturou o ano anterior dez millóns de euros e que a empresa con 150.000 euros liquida aos propietarios, a sorpresa é maíscula”.
O Plan Eólico Empresarial, un fracaso desde o punto de vista da redistribución da renda
A Xunta de Galicia, que foi pioneira na regulación da enerxía eólica, deseñou unha estratexia de fomento da oferta de potencia instalada que se realizou a través dunha figura denominada Plan Eólico Empresarial que consistía en que sen concurso os administrados solicitaban a asignación dunha potencia expresada en megavatios e comprometían que ían a desenvolver esa potencia nun período de tempo determinado e que ían facer uns investimentos cuantificados en centos ou millóns de euros tanto para a execución do citado plan como dun plan industrial.
A través desta figura houbo 18 promotores que conseguiron ser titulares dun plan eólico empresarial. O 61,88% foron asignados no primeiro ano de vixencia do decreto no ano 96. O feito de ser titulares dun plan eólico empresarial dáballe a estes 18 promotores dereito preferente e exclusivo para a instalación de parques eólicos nas zonas asignadas.
O Plan Eólico Sectorial de Galicia, vixente na actualidade, dividía a comunidade en distintas zonas con potencial eólico e asignaba a cada un dos promotores ás distintas zonas, pero isto foi aprobado en 1997 cando xa o 73% da potencia estaba asignada, polo tanto as zonas foron inicialmente determinadas polos propios promotores e despois foi a Xunta quen lle deu carácter de Plan Eólico Sectorial. Segundo considera o investigador vigués,“isto levou, por exemplo, a que se instalasen parques eólicos en zonas con valores ambientais significativos ou achegados a zonas de interese patrimonial”. Outro aspecto que queren destacar é que as autorizacións concedidas pola Xunta non teñen data de caducidade “a empresa vai ser titular dese dereito nesa propiedade sen unha data límite a diferenza do que acontece cos encoros, onde as autorizacións están limitadas no tempo”.
Estes decretos que permitiron a posta en marcha do Plan Eólico Empresarial foron, segundo estes investigadores, un éxito desde o punto de vista da oferta “Galicia pasou de ter cero megavatios no 1995 a máis de tres mil trece anos despois”, pero un fracaso desde o punto de vista da redistribución da renda, do fortalecemento do mundo rural e das condicións de vida dos habitantes do rural.
O novo decreto introduciu cambios importantes
En relación ao novo decreto que regula a enerxía eólica en Galicia, publicado en decembro de 2007, consideran que introduciu cambios importantes na xestión deste recurso. Sobre todo fan fincapé na limitación do desenvolvemento eólico nos espazos con valores ambientais e o establecemento dun método de concorrencia competitiva entre os distintos promotores, algo inexistente ata ese intre. “Ademais, un terceiro elemento significativo do decreto é que abre a posibilidade a unha maior participación social pública, tanto dos propietarios dos terreos como da Xunta”, subliña Simón.
No que a rendas se refire salientan que co novo decreto hai promotores que ofreceron á Xunta ata o 15% da facturación total e hai tamén principios de acordo entre promotores e propietarios que cuadriplican o prezo medio pagado ata este momento. “Si na actualidade o negocio eólico pode ser lucrativo cuadriplicando o prezo que se lle daba aos propietarios, iso quere dicir que nos tres mil megavatios que xa están instalados tería sido posible que se instalaran dando unha maior participación nas rendas producidas ás comunidades de propietarios”.
Esta maior participación poderá, segundo estes investigadores, favorecer á xente que está no mundo rural. Desde o seu punto de vista, poderíanse conseguir dous obxectivos de política económica a través dunha única medida. Dunha banda, lograríase un obxectivo enerxético-ambiental, en relación a que supón un avance para as enerxías renovables que axudan a reducir o cambio climático; da outra, un obxectivo de política agraria destinado a fixar poboación no campo, aproveitar os recursos para evitar os incendios e non facer dependente ao mundo rural necesariamente das subvencións.