O nivel de perigosidade por tsunamis é moito menor en España ca noutras zonas como pode ser a asiática, pero o risco existe e isto fixo necesario deseñar un mapa español de zonas de risco, pois só así se poderán coñecer as medidas de prevención que se deben ter en conta. Segundo este documento, presentado hoxe en Vigo ao abeiro das Xornadas de Seguimento dos 120 proxectos de investigación correspondentes á convocatoria de 2006 do Plan Nacional de I+D+i, en Galicia apenas hai risco de tsunamis pero as probabilidades aumentan se descendemos cara a baía de Cádiz e Portugal ou o Mediterráneo.
VIGO/PONTEVEDRA (D.Besadío, Diario da Universidade de Vigo).- Realizado por un grupo de case vinte investigadores do Instituto Xeolóxico de Cataluña, a Universidade Complutense de Madrid e o Real Observatorio da Armada de San Fernando de Cádiz, o estudo centrouse en estudar que danos pode causar nas costas españolas un terremoto que ademais provoque un tsunami. A información conseguida trasladárona xa a Protección Civil, que serán os encargados de crear uns protocolos de emerxencia que permitan mitigar os posibles efectos, pois tal como lembrou José Martín do Observatorio da Armada, “o terremoto de Arxel do 21 maio de 2003 provocou danos nas embarcacións do porto de Mahón en Menorca por valor de 1000 millóns de pesetas”.
Elisa Buforn, da Universidade Complutense de Madrid, lembrou tamén o caso do terremoto de Lisboa de 1755, que destruíu a capital portuguesa e provocou tamén un tsunami importante na baía de Cádiz. “Houbo unha elevación sobre o nivel do mar de arredor de seis metros de altura que inundou grandes zonas da cidade, si isto acontecese agora na mesma zona, onde o número de residentes é altísimo, non se comprendería non ter un plan de prevención axeitado”, salientou José Martín.
23 grupos da Universidade de Vigo traballan en Ciencias da Terra
A apertura das xornadas, que se estenderán ata o venres, contou coa participación de Lourdes Armesto, xefa da área de Medio Ambiente e Recursos Naturais do Ministerio de Ciencia e Innovación; o catedrático vigués, Federico Vilas, xestor nacional do Plan de I+D+i no ámbito das Ciencias da Terra, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, que se mostrou moi compracido en “estar acompañado de investigadores situados á vangarda da I+D estatal”.
Area aproveitou a ocasión para presentar a Universidade de Vigo a estes investigadores facendo fincapé en que dos máis de 260 grupos de investigación cos que conta a institución, 23 traballan de maneira directa en Ciencias da Terra e máis de 50 o fan dun modo indirecto. Entre as principais contribucións destes investigadores, Area salientou, os numerosos proxectos sobre “enxeñería agroforestal, biotecnoloxía, medio ambiente ou contaminación, entre outros”.
Coa reunión científica de hoxe refórzase o carácter innovador da Universidade de Vigo, “que aspira a ocupar un espazo central na I+D+i galega e ubicarse entre as 10 universidades españolas de maior produción científica”, segundo sinalou o vicerreitor.
Cun apertado programa no que cada día se presentan os resultados de 25 proxectos de investigación, as xornadas continuarán mañá mércores con temas centrados en cuestións de estratigrafía, cambios globais de ecosistemas en períodos xeolóxicos, patrimonio paleontolóxico ou evolución humana.
O xoves dedicarase a cuestións relacionadas cos efectos dos incendios forestais sobre o solo, os sistemas de información cartográfica mediante imaxes de satélite, xeoquímica e mineraloxía. Nesta xornada participará tamén a profesora viguesa Mª Luisa Andrade e o seu equipo que lideran un proxecto sobre solos e contaminación.
A última xornada, o venres 27, está reservada para a presentación de traballos relacionados con temas xeomorfolóxicos do tipo de estudo dos glaciares, prevención de aludes e recursos hídricos.
Tres anos como xestor do Plan Nacional de I+D
O profesor Federico Vilas leva tres anos como xestor do Plan Nacional de I+D en Ciencias da Terra e el foi o que propuxo celebrar o encontro en Vigo, xa que o xestor de cada un dos ámbitos é o que ten a potestade para decidir o lugar no que se celebran as xornadas de seguimento. “Para min Vigo era a mellor opción”, salienta o profesor, un dos fundadores do Departamento de Xeoxencias Mariñas e Ordenación do Territorio e membro tamén da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.