23 marzo 2009

La Universidad del Sur de Galicia empieza a ser ya altamente valorada

A institución viguesa é a primeira do Sistema Universitario de Galicia
Vigo sitúase entre as quince primeiras universidades españolas do Ranking Web de Universidades do Mundo elaborado polo CSIC
Para o reitor "é un aspecto moi importante na época tecnolóxica na que vivimos e un motivo de satisfacción”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- (Mª del Carmen Echevarría | Diario da Universidade de Vigo)
O Ranking Web de Universidades do Mundo, elaborado nete inicio de 2009 polo Laboratorio de Cibermetría do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), sitúa á Universidade de Vigo entre as 15 primeiras institucións académicas españolas, sendo ademais a primeira do Sistema Universitario Galego (SUG).
O Ranking Web que mide o volume, a visibilidade e impacto das páxinas web publicadas por máis de 16.000 institucións de educación superior, con un énfase especial na produción científica e tamén tendo en conta outros materiais como os procedentes de cursos, bases de datos e información xeral das institucións, sitúa á Universidade de Vigo no posto 346 do mundo, no 141 en Europa e no 14 en España. Postos que confirman unha mellora na posición da institución respecto do anterior ranking de xullo de 2008 no que a Universidade de Vigo ocupaba o posto 452 na relación mundial, o 198 no europeo e o 20 na clasificación nacional.
“Este ranking”, explica Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, “trata de dar unha idea sobre o rendemento global e calidade xeral das universidades en internet, pero en particular refírese á visibilidade global da universidade en internet, á súa vocación, ao seu esforzo na rede, ao compromiso que ten a institución co espallamento do coñecemento científico”. Elementos de análise que en conxunto posicionan ás institucións nun ranking que resume o rendemento global, ao tempo que aporta información para estudantes ou profesores.
O obxectivo de promover a publicación no web por parte das universidades, avaliando o compromiso coa distribución electrónica, do Ranking Web de Universidades do Mundo, “ten”, segundo Gago “unha entidade sobre todo no momento tecnolóxico no que vivimos moi importante. Polo tanto é un aspecto moi importante na época na que vivimos e un motivo de satisfacción para esta universidade”.


Á cabeza do Sistema Universitario de Galicia
Cunha periodicidade semestral, o Ranking Web publícase desde o ano 2004 e a análise que o Laboratorio de Cibermetría realiza de máis de 16.000 institucións de educación superior de todo o mundo, fai del o máis completo e actualizado. O feito de que sexa un ranking reiterativo que permite “construír liña e razoar en termos comparativos”, ten segundo o reitor da Universidade de Vigo “moita importancia para os resultados da institución que amosa evolucións positivas no ranking español, europeo e mundial”.
Sobre a posición que o ranking outorga á Universidade de Vigo á fronte do Sistema Universitario de Galicia, afirma Gago que “é satisfactorio observar que a Universidade de Vigo ten un posto relevante e está á cabeza do SUG, por que ocupa o primeiro lugar do sistema con substancial diferenza”. Así, segundo revela o ranking, mentres Vigo sitúase na clasificación mundial o posto 346, Santiago acada o 429 e A Coruña o 541.


A fenda entre EEUU e Europa
No primeiro ranking do ano 2009 as institucións de EE.UU continúan á cabeza, ata o punto que as 23 primeiras posicións están ocupadas por universidades e institutos tecnolóxicos norteamericanos. Concretamente Massachusetts Institute of Technology, Stanford University e Harvard University, ocupan as tres primeiras posicións do listado. Non é ata o posto 28, cando aparece unha universidade europea, a University of Cambridge e cómpre agardar ata o 138 para atopar a primeira institución española, a Universidad Complutense de Madrid.
“A fenda entre universidades de Estados Unidos e Europa é unha realidade en todos os rankings”, sinala o reitor da Universidade de Vigo que engade que “collamos o ranking que collamos, das 50 primeiras universidades do mundo,corenta ou corenta e tantas son norteamericanas, e logo un par de inglesas, xaponesas, australianas”. Neste sentido Gago lembra que a primeira institución académica española, a Universidad Complutense de Madrid, aparece no posto 138. “Isto debe facernos reflexionar. Cando estamos falando cun sistema universitario homologado, temos que pensar que a homologación debe facerse en termos normativos, pero a adaptación ao EEES implica un esforzo adicional para gañar postos, tamén nestas clasificacións”. No caso da Universidade de Vigo, o reitor lembra o compromiso da institución coas novas tecnoloxías, “a aposta polas TIC é claro, pero non nos conformamos co acadado” e lembra que na actualidade se traballa na xestión da investigación, así como novos desenvolvementos das plataformas de docencia virtual.