O proxecto aglutina a 170 investigadores e esténdese a Europa, Asia e América
Deseñado e coordinado dende a ETSE de Telecomunicación
VIGO/PONTEVEDRA (D. Besadío | Diario da Universidade de Vigo)
Un mínimo de 10.000 pacientes anuais poderán beneficiarse do proxecto Hygia, un programa pioneiro na loita contra a hipertensión arterial creado polo Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. O programa naceu hai apenas un ano e a partir da próxima semana incorporaranse a este rede centros de varios países, incluíndo Estados Unidos, Italia, Turquía, India e China través dunha versión en inglés de todo o proxecto, coordinada desde a escola viguesa.
“Foi un crecemento tremendamente rápido, fai dez meses en Galicia só funcionaban seis centros e agora están funcionando 31”, comentaba o catedrático Ramón Hermida, director do laboratorio e principal responsable do proxecto. Ata este momento valoráronse xa máis de 1500 pacientes exclusivamente en Galicia e hai 170 investigadores implicados. Coa ampliación a nivel internacional “podemos estar falando de varios miles de pacientes anualmente”.
Un proxecto para mellorar a diagnose da hipertensión
HYGIA é unha rede na que, ata agora, se integraban centros de atención primaria e hospitais de toda Galicia. O obxectivo é lograr mellorar a valoración diagnóstica do paciente hipertenso, para así establecer o mellor esquema terapéutico e mellorar o seu grado de control, diminuíndo, polo tanto, o risco de problemas cardiovasculares.
Trátase de dar servizo asistencial a todos os centros que se queiran integrar xa que permite on-line, dende uns servidores que están na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, obter un informe estandarizado dos pacientes hipertensos aos que se lles fai unha monitorización ambulatoria.
Coa internacionalización a xestión desta información e de todo o proxecto vaise seguir facendo denda a escola viguesa. “A coordinación faise toda desde a Universidade de Vigo e toda a información técnica para a súa valoración e tramitación de informes faranse integramente aquí”, destaca o profesor.
Excelente acollida entre os facultativos
O crecemento que está tendo a rede vai facer necesario que se cheguen a acordos coas diferentes autoridades sanitarias, ademais tramitáronse xa a petición de novas axudas de investigación aos organismos competentes para garantir así a estabilidade de todo o proxecto.
Para que este crecemento fose posible Hermida destaca o inmenso traballo levado a cabo polos membros do seu grupo e o gran interese que demostraron tanto os facultativos como o persoal de enfermaría, “sen cuxo apoio non sería posible desenvolver un proxecto tan ambicioso coma este”, destaca o investigador vigués. “A resposta conseguida fai que esteamos satisfeitos e moi contentos”, recalca.
A expansión internacional produciuse polo boca a boca e polo amplo número de contactos do grupo vigués a nivel internacional. Ademais dos países cos que agora se amplia a rede, recibiron chamadas interesándose polo proxecto desde diferentes países de Oriente Medio e América Latina.
Visita internacional á escola
Con motivo da internacionalización do proxecto, este xoves celebrarase na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación unha mesa redonda na que intervirán dous eminentes cientifícos de contrastado prestixio internacional, Michael Smolensky e Francesco Portaluppi, expertos en cronoterapia e risco vascular.
Michael Smolensky é vicepresidente da Sociedade Americana de Cronomedicina e Cronoterapia e leva preto de vinte anos traballando para as universidades de Texas e Houston. Portaluppi é cardiólogo do Hospital Clínico de Ferrara en Italia e “probablemente sexa a persoa con maior experiencia e recoñecemento a nivel internacional no ámbito da cronoterapia no risco cardiovascular”, recalca Hermida.
Enxeñeiros ao servizo da Medicina
O Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobiloxía naceu no 1987 e, dende entón, os seus membros sacaron á luz máis de 2200 publicacións a nivel internacional, incluíndo as máis prestixiosas no eido da cardioloxía.
Co claro obxectivo de pór os seus coñecementos técnicos a disposición da Medicina para crear ferramentas que permitan mellorar a saúde dos pacientes, os nove enxeñeiros que compoñen o grupo centran o seu labor en dúas liñas fundamentais: por unha banda, Hygia, o proxecto de monitorización ambulatoria da presión arterial e tratamento da hipertensión; e, pola outra, MADRE, un proxecto destinado a valorar o risco vascular e hipertensión no embarazo.
O proxecto MADRE, Monitorización Ambulatoria para o Diagnóstico e Valoración de Riscos no Embarazo, é unha rede que ten aspectos moi similares ao proxecto Hygia e nel a Universidade achega todo o desenvolvemento tecnolóxico para avaliar con un informe, tanto a situación da muller no embarazo coma no puerperio, é dicir, nas semanas posteriores ao parto.
Na identificación precoz de problemas durante o embarazo o laboratorio vigués está considerado como un grupo de referencia a nivel internacional. Crearon unha proba de alta sensibilidade que permite, a través dun rexistro de monitorización ambulatoria, identificar ás mulleres que van a desenvolver complicacións hipertensivas ao longo da xestación. “É unha das probas de maior sensibilidade que se publicaron ata o momento”, explica o profesor vigués