O BNG denuncia as condicións hixiénicas do paseo marítimo: solicita que se tomen as medidas oportunas para atallar esta situación de deterioro hixiénico e ambiental.
A GUARDA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou un escrito no rexistro do Concello da Guarda denunciando as condicións de falta de hixiene no paseo marítimo.
A formación nacionalista faise eco das queixas de veciños e veciñas sobre a aparición de restos de comida depositados en diferentes lugares do paseo marítimo que son aproveitadas por gatos, ratas, gaivotas, ...
As consecuencias destas accións son claramente visíbeis: problemas de carácter sanitario, cheiros, imaxe desagradábel para os viandantes e o deterioro dunha zona chamada a ser lugar de paseo e divertimento para pequenos e maiores.
Tamén cabe salientar o feito de que o contedor sito a carón da zona infantil verte continuamente líquidos resultantes do lixo que alí se deposita, estes líquidos xeran cheiros e ao estar situados preto dun parque supoñen un perigo para os máis cativos.
Ante estes feitos, o BNG insta ao grupo de goberno a tomar as medidas oportunas para atallar esta situación canto antes, máxime cando estamos ás portas dunha nova tempada de verán, sendo unha imaxe prexudicial para a nova vila.