O tenente de alcalde entrega os agasallos aos gañadores do concurso de pintura de Vigolandia
-Anunciou que os máis de 21.000 euros de recadación se repartirán entre Afán, Comedor da Esperanza e Vida Digna
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo entrega este martes dos agasallos aos 17 gañadores e gañadoras do concurso de pintura convocado no marco de Vigolandia. No acto, no que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, Santi Domínguez anunciou que Afán, Comedor da Esperanza e Vida Digna serán as tres entidades entre as que se repartirán os máis de 21.000 euros recadados na edición deste ano.
“Non quixemos entregar premios só a tres gañadores, senón que quixemos entregar distincións ás obras máis fermosas presentadas ao concurso”, destacou o nacionalista, quen salientou así mesmo a alta participación na iniciativa, ao contar nesta edición coas obras de máis de 1.700 escolares de centros educativos de Vigo e a súa área, con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos.
Na súa intervención, o tenente de alcalde lembrou aos nenos e nenas agasallados que como vén sendo habitual, a recadación da entrada ao parque de actividades, que este ano supera os 21.000 euros, se destinará a tres organizacións que traballan coas persoas que menos teñen, como son Afán, Comedor da Esperanza e Vida Digna. “Cando íamos a Vigolandia, ao pagar a entrada colaborabamos con algo tan fermoso como é a solidariedade”, sinalou Santi Domínguez.
“Nesta época de crise dende Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social consideramos fundamental apoiar a estas entidades da nosa cidade que dan de comer a quen menos ten”, explicou. Vigolandia celebrouse dende o 26 de decembro eo 30 de decembro no Instituto Feiral de Vigo e segundo Santi Domínguez “está xa consolidado como o gran parque de atraccións de Nadal”.