Santi Domínguez destaca que a mostra da Reconquista é a máis visitada de Castrelos, con preto de 5.000 persoas
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, sinalou este luns que a exposición “Reconquista: 1809-2009”, aberta no Museo Municipal Quiñones de León dende o pasado 6 de marzo ata onte, 29 de marzo, recibiu un total de 4.842 visitantes. Segundo Santi Domínguez, a mostra é xa a exposición máis visitada de todas as programadas na historia do Museo de Castrelos.
“Dende Tenencia de Alcaldía estamos tremendamente satisfeitos pola boa acollida que tivo esta exposición, posto que demostra o interese que os vigueses e as viguesas teñen respecto a súa historia”, salientou o nacionalista. O tenente de alcalde manifestou a súa satisfacción pola repercusión que a mostra tivo entre a cidadanía viguesa, pero tamén salientou o feito de que moitos visitantes chegaron de diferentes puntos de Galiza.
Dos cerca de 5.000 visitantes, 1.800 foron escolares da cidade que percorreron a exposición cunha guía que, ataviada da época, lles explicou os pormenores do acontecido en Vigo hai douscentos anos. O ritmo de visitantes ao pazo museo foi de 250 persoas ao día. A mostra, organizada pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura, contou coa colaboración do Ministerio de Defensa, o Ministerio de Cultura e o Bispado de Tui-Vigo, entre outras entidades. Os visitantes, maioritariamente de Vigo e a súa bisbarra, tamén viaxaron dende Pontevedra, Santiago e Ourense, entre outras cidades galegas e portuguesas, para visitar a exposición.
A exposición “Reconquista: 1809-2009”, que amosou un amplo catálogo de pezas para narrar a historia da Reconquista de Vigo no marco das guerras napoleónicas, foi a de maiores dimensións das organizadas no Museo de Castrelos na súa historia. A instalación ocupou as dúas plantas do Pazo Quiñones de León, ademais das salas do novo anexo. O número total de pezas cedidas para a exposición superou os dous centenares: armas, uniformes, miniaturas, dioramas, montaxes audiovisuais e documentos procedentes de diversas institucións.
Por outra banda, Santi Domínguez indicou que nestes días se están a recibir os traballos escolares para o concurso sobre a Reconquista dirixido aos alumnos e alumnas vigueses de Educación Secundaria Obrigatoria. O tenente de alcalde salientou que os traballos recibidos teñen gran calidade e incluso inclúen na súa realización elementos multimedia. A aula gañadora terá como premio unha viaxe a París, mentres que os os segundos clasificados poderán gozar dunha viaxe a Lisboa. O fallo do xurado producirase a finais do mes de abril.