31 marzo 2009

Méndez Romeu saca pecho y dice que el salvó la Semana Verde

MÉNDEZ ROMEU DI QUE A ACTUAL XUNTA LOGROU UNHA SEMANA VERDE “MÁIS MODERNA, ESTABLE E PROFESIONAL”
A Fundación posúe agora “unha carteira de proxectos máis importante que en ningún dos exercicios anteriores”
Hoxe celebrouse o derradeiro padroado no que participa o Goberno galego en funcións

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Luis Méndez Romeu, asegurou hoxe que a actual Xunta lle deixa ao vindeiro Goberno unha situación “estabilizada”, “profesional” e “máis moderna” na Fundación Semana Verde. Así o dixo esta tarde trala reunión do padroado coa que remata o traballo do actual Goberno na Fundación. Explicou que a Semana Verde queda coa “carteira de proxectos máis importante que en ningún dos exercicios anteriores”, ademais dunha vocación de situar o recinto feiral da Semana Verde como “referencia en Galicia no ámbito da promoción comercial”.

Méndez Romeu aproveitou esta comparecencia para facer balance e lembrar que a Fundación estaba nunha situación de blindaxe estatutaria que dificultou a modificación e innovación da mesma ata comezos do 2008. Neste sentido, o conselleiro en funcións subliñou que nun ano logrouse a modificación dos estatutos, introduciuse un “novo concepto de xestión cunha dirección xeral nova e de carácter profesional” e clarexouse o seu funcionamento e o ámbito de relacións entre os distintos patróns.

O conselleiro en funcións sinalou que “a Fundación tivo perdas acumuladas nos últimos anos por valor de 19 millóns de euros”, as cales foron imputadas ao seu capital fundacional. “Esta situación é a que terá que ser corrixida de acordo co plan de viabilidade”, o cal xa está redactado, segundo Méndez Romeu.

Débeda co Concello de Silleda
Doutra banda, o titular de Presidencia en funcións declarou que algúns dos problemas históricos da Fundación como as débedas tributarias co Concello de Silleda “xa están en vías de resolución a través dun convenio de compensación”, asinado o pasado mes de febreiro. Méndez Romeu lembrou que o Concello tamén tiña unha débeda coa Fundación de capital fundacional. “Estase camiñando nunha senda de profesionalidade, de transparencia, de adecuación á legalidade e de competitividade empresarial”, sinalou.

Contas da Fundación
No relativo ás contas da Fundación Semana Verde, dixo que serán aprobadas definitivamente “cando estea rematada a auditoría actualmente en curso”. Neste sentido, o conselleiro en funcións anunciou o acordo da sinatura dun crédito temporal para facilitar “o funcionamento cotián da fundación”. “É un crédito de 800.000 euros cunha duración de 6 meses precisamente para que sexa a nova Administración a que tome a decisión estratéxica de funcionamento para o futuro”, engadiu. Méndez Romeu explicou que se trata de que esta Administración “deixe pechados totalmente os traballos que lles corresponden á súa xestión”.