Arévalo alédase de que, aínda que con retraso, Fomento cumprise cos afectados da N-550.
A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou hoxe a súa satisfacción ante o anuncio do Ministerio de Fomento de que xa licitou o arranxo do firme na estrada N-550, que vai do Porriño a Redondela, concretamente dos 14 kilómetros comprendidos entre o punto kilométrico 142,200 e o 156,200.
MOS (MORRAZO-tribuna) .- A rexedora local declarou que “dende o Concello aledámonos de que, aínda que con moito retraso, Fomento atendese ás peticións dos veciños afectados facendo ver que as súas movilizacións serviron para algo”. Arévalo insistiu en destacar que esta estrada é a única vía nacional nunhas condicións de “abandono” semellantes, xa que levaba anos esperando a que a administración central ordeara a reposición dunha nova capa de rodadura para a mesma.
Nidia Arévalo engadiu ademais que “agora esperamos a pronta acometida das actuacións solicitadas ó Ministerio nas zonas de Mos e Louredo”. Nesta última son necesarios pasos elevados para mellorar a seguridade dos peóns, e na parroquia de Mos fai falla ampliar a lonxitude das beirarrúas, continuándoas ata o cementerio; e a posibilidade de empregar o aparcadoiro e engadirlle ó vial un carril de aceleración e outro de deceleración, tal e como a Alcaldesa acordou na última reunión que mantivo con Fomento.
Arévalo informou tamén esta mañán de que dende o Concello xa se solicitou, ademais, un plan de mellora da seguridade vial nas zonas de Mos, Amieirolongo e Louredo, mediante a colocación de sinaléctica nos lugares que entrañen maior perigo. A sinalización incluirá indicadores lumínicos.