EN RESPOSTA AO BNG, A MINISTRA DE FOMENTO NON CONCRETA NINGÚN PLAN DE EXECUCIÓN DO AVE LUBIÁN OURENSE QUE GARANTA QUE A ALTA VELOCIDADE CHEGUE A GALIZA EN 2012
Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG manterase firme para que os compromisos con Galiza se cumpran”
Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG manterase firme para que os compromisos con Galiza se cumpran”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- En resposta a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, a ministra de Fomento veu a recoñecer esta tarde no Pleno do Senado que non existe ningún plan de execución das obras do tramo do AVE Lubián-Ourense que garanta que a alta velocidade ferroviaria chegue a Galiza no ano 2012.
O senador do BNG preguntáballe a Magdalena Álvarez se o Ministerio de Fomento “conta cun Plan de Execución das obras, acompañado da correspondente previsión de dotación orzamentaria e avalado por informes técnicos que garanta que o tramo do AVE Ourense-Lubián, imprescindíbel para conectar Galiza coa Meseta, estea rematado no ano 2012, data comprometida polo presidente do Goberno en sucesivas convocatorias eleitorais”.
“Nada se sabe do convenio de 2.100 millóns de euros entre o Ministerio de Fomento e SEITTSA”
Pérez Bouza amosaba a súa preocupación porque “transcorridos máis de tres meses da data prevista para asinar o convenio entre o Ministerio de Fomento e SEITSSA para garantir o financiamento plurianual desta obra nada se sabe”. En concreto, o convenio anunciado en outubro do pasado ano prevía un investimento de 2.100 millóns de euros no AVE Ourense-Lubián para que as obras se puideran executar en 4 anualidades.
A ministra ofrece datos do AVE Madrid-Santiago pero non da datos para que avalen o seu compromiso de que o tramo Ourense-Lubián estea rematado no 2012
Na súa resposta, Magdalena Álvarez volveu reafirmar o seu compromiso de que Galiza estará conectada por AVE coa Meseta en 2012 pero, a xuízo do senador do BNG “sen ofrecer os planos de financiamento plurianual e de carácter técnico que o fagan críbel ante os galegos e galegas e de que non se trata, como sospeitamos, dun mero compromiso eleitoral que non se vai cumprir”.
Así, a ministra de Fomento ofreceu dados das obras de alta velocidade entre Madrid e Galiza, pero en ningún caso do tramo polo que se lle preguntaba: o Ourense-Lubián, o de maior complexidade técnica e que resulta fundamental para conectar Galiza coa Meseta.
Neste sentido, asegurou que nos últimos oito anos Fomento orzamentou 3.600 millóns de euros para o AVE Madrid Santiago, que se iniciaron as obras en 257 km, o que supón o 46% do trazado, e que se finalizaron en 13 km, o 24% do trazado. Hai que matizar que a maior parte destes obras empezadas ou rematadas corresponden ao AVE Madrid-Valladolid.
“O BNG manterase firme para que os compromisos con Galiza se cumpran”
Xosé Manuel Pérez Bouza cualificou a resposta da ministra de “insatisfactoria” e subliñou que “o BNG manterase firme e será insistente na súa labor fiscalizadora e de oposición para que os compromisos con Galiza se cumpran”.