30 marzo 2009

Éxito del programa "Semanas Brancas" de Deputación de Pontevedra

Participaron un total de 223 nenos de colexios de Cangas, Moaña e Bueu
MÁIS DE MIL RAPACES DA PROVINCIA ACHEGÁRONSE Á NEVE GRAZAS AS “SEMANAS BRANCAS” DA DEPUTACIÓN

CANGAS-MOAÑA-BUEU (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra fixo hoxe público o balance das Semanas Brancas para o presente ano 2009, que achegou a un total de 1.037 escolares da provincia á estación de esquí de San Isidro, en León, como xa ven sendo habitual desde o ano 2005.

Destes 1.037 rapaces que se achegaron á neve, 223 eran da comarca do Morrazo, procedentes de colexios de Cangas, Moaña e Bueu.

Esta iniciativa, na que o organismo provincial investiu este ano unha achega de 95.000 euros, coa que se sufragou unha parte da cantidade que os beneficiarios do programa tiñan que aboar por realizar a viaxe, a correspondente á asistencia externa e xestión da mesma, pretende achegar cada ano ó esquí ós centros escolares da ESO, fomentando o traballo en equipo e a convivencia entre os rapaces, a través dun deporte practicado no medio natural.

A Deputación aportou unha achega de 95 euros por participante, os 33 concellos adheridos ó programa contribuíron cunha cantidade de 35 euros por persoa inscrita e as persoas beneficiarias aboaron a cantidade restante.

O programa incluíu os traslados en autocares dende os colexios ata a estación de esquí e viceversa, réxime de pensión completa para os participantes, curso de esquí impartido por monitores da Escola Nacional de Esquí, aluguer do material, forfaits para cinco días e monitores de tempo de lecer e visitas a lugares emblemáticos da zona.

A actividade levouse a cabo todas as semanas dos meses de febreiro e marzo e a primeira quincena de xaneiro. Os grupos dispuxeron de dous monitores titulados de tempo libre por cada autocar que acompañarán ós alumnos durante toda a viaxe e o desenvolvemento de actividades durante as 24 horas do día.

O pasado 2008 o programa achegou a 994 nenos á Estación de San Isidro. En 2007 foron 905 os escolares de 1º e 2º de E.S.O que participaron no programa, cifras que superaron ós 873 inscritos de 2006 e ós 618 alumnos do ano 2005.