25 marzo 2009

Deputación solventará problemas urgentes de los vecinos de Hío (Cangas)

O deputado da zona, José Enrique Sotelo reuniuse con representantes das asociacións da parroquia
A DEPUTACIÓN DOTARÁ DE BEIRARRÚAS O TRAMO IGREXARIO-COLEXIO DE HÍO E REMATARÁ DE URBANIZAR A RÚA DAVID CAL CON «CARÁCTER DE URXENCIA»

CANGAS/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O deputado provincial do Morrazo, José Enrique Sotelo, reuniuse hoxe no Pazo da Deputación con representantes das asociacións da parroquia de Hío para coñecer de primeira man a situación e as demandas dos veciños.
A xuntanza serviu para que o deputado, que estivo acompañado polo Director de Infraestruturas, Agustín Hernández, e o enxeñeiro técnico da Deputación, Alfredo Montero, escoitase directamente dos voceiros das asociacións dos barrios de Vilariño, Igrexario, Pinténs, Vilanova, Nerga, Donón e Diñó as solicitudes máis urxentes e as inquedanzas dos habitantes da parroquia.
Actuacións preferentes
Logo de atender as demandas dos representantes, Sotelo comprometeuse a iniciar, con carácter de urxencia, as obras para dotar de beirarrúas o tramo que une Igrexario co Colexio CEIP de Hío, dunha lonxitude aproximada de 420 metros, que consistirá na mellora dos marxes da estrada e a propia peonalización dos mesmos. Neste senso, Sotelo garantiu que “no transcurso desta semana, enviarase ós representantes da asociación do Igrexario o proxecto realizado polos técnicos da Deputación”.
Tamén se acordou “iniciar xa a segunda fase de urbanización da rúa David Cal”, que incluirá “a dotación de pasos de peóns e a correspondente sinalización vertical e horizontal”, aclarou Sotelo, quen recordou tamén que “a Deputación ten realizado melloras en todas as estradas da súa competencia na parroquia de Hío”.
Outras actuacións
Por outra banda, o Deputado sinalou tamén que “despois de semana santa, técnicos provinciais acudirán á parroquia para valorar in situ o estado, xunto cos veciños afectados, dos tramos que requiren unha actuación máis urxente”.