27 marzo 2009

La Consellería de Pesca se despide
sacando pecho y haciendo amigos...

PESCA AGRADECE AO SECTOR A SÚA COLABORACIÓN NO PLAN DE REPOBOACIÓN DE ESPECIES MARIÑAS
▪ O Instituto Galego de Formación en Acuicultura está a recibir un número importante de chamadas de profesionais do mar da Ría de Arousa informando da captura de rodaballos marcados
▪ No marco do Plan de Repoboación foron liberados nas nosas costas 33.000 exemplares de rodaballo e preto de 11.000 lumbrigantes
▪ O obxectivo desta iniciativa é xestionar e mellorar a situación de certas pesqueiras que sufriron nos últimos anos un descenso importante no seu número de capturas

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere agradecer ao sector pesqueiro, especialmente ao da Ría de Arousa, a súa colaboración á hora de notificar as capturas de exemplares de rodaballo liberados no marco do Plan de Repoboación de Especies Mariñas. De feito, a día de hoxe xa houbo 25 embarcacións que deron aviso de peixes marcados e foron agasalladas pola súa colaboración. Ademais, no que vai de ano, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro de Formación en Acuicultura (IGAFA), encargados do desenvolvemento desta iniciativa, recibiron chamadas de practicamente todas as confrarías arousás cunha frecuencia de un ou dous avisos por semana.

Esta cooperación obedece en parte á tarefa de difusión do Plan levada a cabo polos técnicos do Igafa a través de charlas informativas con axentes de extensión pesqueira e coas asistencias técnicas das confrarías para tratar de chegar a todos os pescadores, así como co reparto de pegatinas adhesivas para as embarcacións nas que aparece o teléfono do centro. Ademais, explicouse o Plan nas vendedurías das lonxas de Ribeira, Cambados e O Grove co obxectivo de que os subhastadores tamén participen na localización de peixes con etiqueta e lle entregasen a cada un dos barcos que lles vendían o peixe información sobre as liñas desta iniciativa. Neste punto hai que destacar que algúns exemplares de rodaballo de repoboación xa foron vendidos nas lonxas de Ribeira, Cambados e O Grove.

Neste punto, a Administración pesqueira galega quere lembrar aos pescadores que o peixe de repoboación non ten que ser entregado, senón que os técnicos precisan unicamente a etiqueta coa que están marcados os rodaballos e os datos derivados da súa captura como a zona de pesca e a profundidade, ou o peso e a talla.

Os datos obtidos dos peixes con etiqueta capturados amosan un alto grado de adaptación e unha boa taxa de crecemento dos rodaballos de repoboación, similar á dos seus conxéneres no medio natural. Ademais constatouse un desprazamento dos peixes ao longo de toda a Ría de Arousa e zonas exteriores como Sálvora ou A Lanzada.

Soltas realizadas

Dende a posta en marcha do Plan de Repoboación en outubro de 2005 introducíronse no medio natural un total de 33.000 exemplares de rodaballo, así como preto de 11.000 xuvenís de lumbrigante. Con esta acción estratéxica, o departamento que dirixe Carmen Gallego quere xestionar e mellorar a situación de certas pesqueiras que sufriron nos últimos anos un descenso importante no seu número de capturas.

O Plan de Repoboación deu comezo cunha primeira solta que se realizou en outubro de 2005 na praia de Lago, en Muxía, onde se liberaron 10.000 alevíns de rodaballo. A esta experiencia, seguiron outras tamén en Muxía e no Grove ao longo de 2006, 2007 e 2008. Pola súa banda, a primeira solta de lumbrigante foi en marzo de 2007 no entorno da Reserva Mariña de Lira, onde se realizaron outras posteriores.

A repetitividade nas áreas de solta pretende conseguir o maior número de datos sobre a supervivencia e crecemento dos exemplares destinados a repoboación, de xeito que a Ría de Arousa (no caso do rodaballo) e o entorno da Reserva Mariña de Lira (no caso do lumbrigante) constitúen unha especie de “plantas piloto” cuxos resultados poderán ser extrapolados a outras rías e praias do litoral galego.

As previsións para este ano, no que o orzamento da Consellería de Pesca para o Plan de Repoboación ascende a 210.000 euros, son liberar uns 15.000 exemplares máis de rodaballo e lumbrigante nas nosas costas, estando prevista a primeira solta para o vindeiro mes de maio.

De cara á identificación dos exemplares de repoboación, os xuvenís de rodaballo son marcados coa colocación, na parte dorsal do corpo, dunha etiqueta identificativa amarela ou transparente, na que aparece o teléfono do Igafa e unha cifra referente ao ano da solta. Ademais, aos últimos exemplares liberados fíxoselles unha marca complementaria consistente nunha tatuaxe de cor azul na parte ventral dos rodaballos, coa que se quere analizar a porcentaxe de perda das etiquetas. Pola súa banda, os lumbrigantes son marcados cunha etiqueta magnética e codificada dun milímetro de tamaño, que se introduce no seu interior e que dá un sinal positivo ao seu paso por un detector de metais.