A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións considera “improcedente a presión e o desasosego” manifestados polo líder do PP en relación co traspaso de poderes e lémbralle que nin sequera se constituíu o novo parlamento. Ata o próximo 1 de abril non se constitúe a Cámara galega e, a partir desa data, será a propia Mesa a que estableza o calendario da investidura e o momento de conformar o novo goberno.
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- En calquera caso, desde a Consellería de Presidencia lémbrase que non procede ningún traspaso previo á constitución do Parlamento galego, polo que estamos no tempo dun goberno en funcións, que debe adoptar as medidas e decisións propias dun executivo nesa circunstancia.
Ante a petición formulada esta mañá polo líder do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, idéntica a outra anterior, desde a Consellería de Presidencia en funcións insístese en que hai que cumprir uns prazos e unhas normas, a partir de aí o traspaso se fará con total axilidade e normalidade.
Nese sentido é preciso lembrar que na Xunta de Galicia a actividade se corresponde, como debe ser, coa propia dun goberno en funcións: tramítanse todas as cuestións de carácter ordinario, así como as de carácter urxente ou de interese xeral acreditado.
A Consellería da Presidencia lembra ademais que na Comunidade Autónoma Vasca, onde tamén se celebraron eleccións o pasado 1 de marzo, van constituír o seu parlamento o próximo 3 de abril, data posterior á fixada en Galicia. A maiores, con toda probabilidade, o novo goberno vasco tomará posesión máis tarde do que o fará o futuro goberno galego.
Convén reiterarlle ao Sr. Feijóo que non son bos nin procedentes a presión e o desasosego que guían as súas actuacións unha vez reaparecido tras os seus merecidos días de asueto, tampouco a súa aposta pola sospeita permanente. A súa capacidade para gobernar terá que demostrala cando lle toque formar goberno e lémbraselle que esa capacidade non vai depender para nada da actuación do actual goberno en funcións, que está cumprindo escrupulosamente a normativa en vigor.