A responsable do BNG de Vigo, María Alonso, salientou este martes que o Bloque Nacionalista Galego apoia as mobilizacións en defensa do transporte marítimo de ría convocadas para o 28 de marzo. Nesta data, segundo lembra María Alonso, e ás 17.30 horas celebrarase unha concentración na Estación Marítima de Moaña.
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- “O BNG aposta polo transporte colectivo, e neste caso defendemos o transporte de ría porque é máis ecolóxico, máis sustentábel e máis económico para os usuarios e usuarias”, sinalou a responsable local do BNG. Máría Alonso explicou que a cidadanía do Morrazo utiliza o transporte de ría colectivo para trasladarse aos seus postos de traballo, a realizar xestións administrativas, ao médico e incluso a realizar a compra. Por outra banda, sinala que a cidadanía de Vigo o emprega tamén para ir a traballar e para disfrutar das praias e lugares de lecer do Morrazo.
A responsable local do BNG salienta asemade que que para Vigo e a península do Morrazo este medio de transporte conta cunha singulade, que é o seu atractivo turístico. “Resulta así mesmo imprescindíbel reducir a contaminación nas entradas dos núcleos urbanos, e neste sentido o transporte marítimo xoga un papel fundamental”, destacou Alonso.
“Reclamamos conxuntamente coa Plataforma pola Defensa do Transporte Público da Ría de Vigo acelerar os prazos acordados recentemente para subvencionar este transporte aos usuarios”, manifestou a responsable do BNG de Vigo. Ao respecto, María Alonso lembra que o 7 de xaneiro tivo lugar a sinatura dun convenio entre os Concellos do Morrazo e a Consellería de Política Territorial para acadar este obxectivo. Neste sentido, engadiu que Vigo non pode quedar fóra deste convenio “posto que os vigueses e viguesas non poden ser discriminados”.
María Alonso sinala que a subvención ao billete “non é a solución ao transporte de ría, pero si ofrece unha solución puntual ao problema existente na actualidade”. Neste sentido, a responsable nacionalista subliña que o BNG defende o transporte interurbano e intermodal.