27 marzo 2009

O BNG, representado hoxe na Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea en Barcelona,

O BNG PARTICIPA NA ASEMBLEA XERAL DA ALE, ONDE SE APOSTA POR REFORZAR O MODELO
SOCIAL EUROPEO
A alianza dos movementos nacionalistas de Europa critica os sistemas de acceso á Eurocámara, como a circunscrición única para o Estado español

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O BNG está a participar hoxe na Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea en Barcelona, onde se aposta por reforzar o modelo social e económico europeo, representada por Ana Miranda, membro do Consello Nacional e vicepresidenta desta coalición. No documento que se aprobará ao termo do cónclave, asegúrase que “se debe reforzar o modelo social europeo como fundamento dunha sociedade baseada na solidariedade”.

“Neste momento de crise económica precisamos pleno emprego de calidade, con igualdade de xénero, nun contorno de traballo seguro e saudábel”, asegura a coalición dos nacionalistas en Europa. A ALE defende o mantemento dos servizos públicos de interese xeral a uns prezos asumíbeis para os traballadores e traballadoras e enfatiza a importancia da loita contra o fraude e dos paraísos fiscais.

Asemblea

Na asemblea participan 42 partidos de 17 Estados membros da UE e falantes de 29 linguas distintas, en representación de diferentes nacións e rexións de Europa así como minorías nacionais (étnicas, lingüísticas...)

A representante do BNG na Asemblea, vicepresidenta e membro da dirección política, asegura que “as nacións europeas queremos tomar decisións por nós mesmas e non que outros as tomen por nós, e para iso cómpre reinventar a democracia europea nun contexto de globalización que ameaza a democracia, os dereitos humanos, a cultura, o medio ambiente e por suposto, o dereito de autodeterminación”.

A ALE vai aprobar o manifesto conxunto para as próximas eleccións, baixo o título de “visión para unha Europa dos Pobos”, no que se condenan os sistemas de acceso ao Parlamento Europeo como pode ser a circunscrición electoral única para España, que prexudica aos partidos nacionais.