O presidente da Xunta en funcións considera que Alberto Núñez Feijóo reclama de maneira “indebida, improcedente e ansiosa” un traspaso de poderes que non pode acometerse ata a constitución do Parlamento, o vindeiro 1 de abril
Explica que para abordar este traspaso, debe constituírse a Mesa do Parlamento, que é a que ordena estatutaria e legalmente o proceso
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, asegurou que Alberto Núñez Feijóo se excede e falta á verdade nas súas críticas á actuación do Executivo en funcións e ao traspaso de poderes, dado que este “non se pode e non procede” acometelo ata que o Parlamento se constitúa o vindeiro 1 de abril e a Mesa desta institución ordene este proceso. O presidente en funcións considera que Feijóo “falta á verdade” ao denunciar un comportamento antidemocrático, posto que o actual Goberno en ningún caso actuou como o anterior, adoptando decisións do calado da aprobación do plan acuícola ou a adxudicación de parques eólicos por importe de 200 millóns de euros. Touriño lembroulle que sendo vicepresidente en funcións, Feijóo colocou primeira pedras, inaugurou estradas e asinou ata 39 convenios.
“Xa é un pouco excesivo, porque todo o mundo ten a referencia de cando se constitúe o Parlamento da nosa comunidade autónoma. O señor Feijóo sabe perfectamente que ata ao 1 de abril nin temos Parlamento, nin tan sequera as institucións das que ten que dotarse o Parlamento. A Mesa do Parlamento é a que ordena estatutariamente, legalmente, o proceso. A partir do 1 de abril será posible e se entra necesariamente na fase que de maneira indebida, improcedente, ansiosa, reclama o señor Núñez Feijóo”, censurou Touriño, quen defendeu que o Goberno en funcións está actuando como tal.
Críticas inexplicables
Para Pérez Touriño, as críticas resultan “inexplicables”, máxime ao realizalas quen foi vicepresidente do Goberno anterior e quen, estando en funcións, autorizou ata 39 convenios, algún deles por importe de ata 12 millóns de euros, como o subscrito co Concello de Ferrol con data do 4 de agosto, sendo xa presidente Emilio Pérez Touriño.
“Quizais iso explica un pouco a cuestión, porque debe ser que sabe o que fixeron e entón lle traizoa o subconsciente”, expresou.
Pérez Touriño lembrou que estando en funcións o Goberno que vicepresidía Alberto Núñez Feijóo aprobou o plan acuícola, adxudicou provisionalmente as concesións de televisión dixital; aprobou 9 parques eólicos por máis de 200 millóns de euros ou 7 centrais hidroeléctricas. “Fixeron convenios os que se lles ocurriu. Directamente, o señor Feijóo, 39. Coa Deputación de Lugo, un por valor de 70 millóns de euros”, exemplificou.
Pérez Touriño tamén lembrou que estando en funcións o anterior Goberno autorizou a planta de secado térmico da Consellería de Medio Ambiente por 118 millóns de euros e aprobou e adxudicou por case 100 millóns de euros obras da Cidade da Cultura.
Emilio Pérez Touriño ironizou así mesmo sobre a intensa actividade desenvolvida por Feijóo como vicepresidente en funcións, como a colocación da primeira pedra da vía de alta capacidade Nadela-Sarria, o 13 de xullo de 2005, a do novo vial de Vincios; a inauguración do vial Zas-Baio, ou das obras do treito As Pontes-Cabreiros.
“Estaba en funcións. Quen agora reclama e critica que houbo un comportamento antidemocrático falta a verdade. Debía poñerse colorado, pero este señor non se pon colorado por case nada. Gustaríame que puidera acreditar algo parecido a este comportamento seu, persoal, como vicepresidente desde logo xa non do presidente nin de ningún dos meus conselleiros. Non fai falta que teña o móbil encendido para evitar isto porque o meu goberno non o fai. Ata despois do 1 de abril non se pode e non procede facer ningún traspaso de nada”, concluíu.