Os Bolechas protagonizan a unidade didáctica da Reconquista dirixida a escolares de primaria
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, presentou un libro e unha unidade didáctica centrados na Reconquista dirixidos a escolares do primeiro ciclo de primaria da cidade e que teñen como principal protagonista aos Bolechas. Na presentación da obra, na que tamén participou o seu creador, Pepe Carreiro, Santi Domínguez salientou que esta unidade se suma á realizada para o alumnado de secundaria e que xa foi repartida nos colexios vigueses.
“Queremos que a historia de Vigo chegue aos máis pequenos e pensamos que este libro e esta unidade didáctica son bos instrumentos para coñecer e lembrar a historia da cidade”, salientou. O nacionalista explicou que o obxectivo era proporcionar un instrumento “que fora doado de entender e dun xeito áxil”, polo que se decidíu reeditar o libro dos Bolechas na Reconquista de Vigo. En total, serán 20.000 os exemplares que se repartirán para que os máis pequenos se acheguen á historia de Vigo.
“Cos Bolechas deuse na clave para achegarse ao público infantil”, afirmou o nacionalista, quen adiantou que estes personaxes formarán parte da festa da Reconquista. Pola súa banda, o seu creador, Pepe Carreiro, explicou que coincidindo co Bicentenario da Reconquista se reeditou este libro, que pertence á colección de viaxes dos Bolechas, neste caso a “unha viaxe ao longo do tempo”. O conto narra a historia da tataraboa dos Bolechas, e permite aos máis pequenos facer un percorrido por lugares históricos que áinda hoxe poden visitar.
Pepe Carreiro explicou que a Reconquista é “unha historia complexa, nunha época convulsa pero moi interesante, chea de matices que é difícil sintetizar para os máis pequenos”. Asemade, sinalou que esa complexidade a solventou mediante unha historia de amor e fuxindo da idea de que os vigueses eran os bos e os franceses os malos, “pese aos problemas que plantexa un exército invasor”, indicou. “Espero que os nenos se divirtan e que lembren a súa historia”, manifestou ao tempo que indicou que lle gustaría “aproveitar o espírito da Reconquista para ver se os galegos somos capaces de reconquistar tamén o galego”.
O tenente de alcalde lembrou que para os alumnos vigueses de Educación Secundaria Obrigatoria está convocado un concurso sobre a Reconquista e sinalou que a aula gañadora terá como premio unha viaxe a París, mentres que os os segundos clasificados poderán gozar dunha viaxe a Lisboa. O prazo de presentación destes traballos está aberto ata o 29 de marzo e os murais realizados poden ser entregados no Museo Municipal Quiñones de León no horario do museo.
Por outra banda, Santi Domínguez destacou que a exposición da Reconquista instalada no museo de Castrelos “está batendo todos os récords de visitantes”, posto que xa se superaron os 3.200 visitantes desde a súa apertura. Ao respecto engadiu que hai 2.000 persoas anotadas para as visitas guiadas.