O GOBERNO INFORMA AO BNG QUE RESOLVEU 188 SOLICITUDES DE CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS NO MIÑO-SIL, CONCEDEU 51, DENEGOU 102 E TEN EN TRÁMITE 35
Davila trasladaba a preocupación do BNG polo enorme impacto ambiental que sofre a esta conca debido aos numerosos aproveitamentos hidroeléctricos e pedía que se paralizaran as concesións
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Ministerio de Medio Ambiente vén de explicar á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que até outubro de 2008 resolveu 188 expedientes de solicitudes de concesións ou ampliacións de aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil en territorio galego.
Aproveitamentos con potencia non superior a 5.000 KVA
Dese total, concedeu 51 deles, denegou 102 e ten en trámite 35. Trátase de peticións para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000 KVA.
Davila dirixíase ao Goberno para pór de manifesto que a conca hidrográfica do Miño-Sil soporta unha presión moi elevada debido ás numerosas centrais hidroeléctricas instaladas. E amosaba a preocupacón do BNG xa que están en tramitación novos proxectos de encoros, cuxa autorización corresponde en último lugar ao Ministerio de Medio Ambiente.
A deputada do BNG preguntaba ao Ministerio polo número de proxectos presentados, resoltos e en tramitación e pedía a paralización dos mesmos debido ao tremendo impacto ambiental que sofre esta conca.
O Goberno na súa resposta ao BNG detalla os expedientes solitidados, concedidos e denegados por provincias: Lugo con 62, 14 concedidos, 31 denegados e 17 en trámite. Ourense con 109, 32 concedidos, 60 denegados e 17 en trámite. E Pontevedra con 17 incoados, 5 concedidos, 11 denegados e 1 en trámite.
O Executivo aclara que das 51 concesións en Galiza, 27 centrais xa están construidas e 24 están pendentes de aprobación.
Grandes encoros, potencia superior a 5.000 KVA: “en fase de últimas unidades a central de Frieira”
A deputada do BNG tamén poñía de relieve a proliferación de encoros ou grandes encoros e demandaba que se freara este tipo de construccións que teñen un impacto medioambiental elevadísimo.
Neste sentido, o Ministerio sinala que, respeito á instalación de grandes centrais de potencia superior a 5.000 KVA, atópase “en fase de últimas unidades a Central de Caudal Ecolóxico de Frieira, en Pontevedra”.
Asemade, informa á deputada do BNG do estado doutros proxectos de grandes centrais en tramitación: Central de San Estevo 2 no Sil en Ourense, central de Santa Cristiña no Sil en Ourense, central de Belesar 2 e Peares 2 no Miño en Lugo, central de Belesar 3 e Peares 3 no Miño en Lugo, central de Velle 2 no Miño en Ourense, central de Cartelle no Arnoia en Ourense e os saltos do Sela no Miño en Pontevedra.
Tal e como lle pedira a deputada do BNG, o Goberno detalla as características de cada un destes proxectos.
De igual xeito, na resposta que achegamos o Ministerio comenta a situación e o estado de cada un dos proxectos, a maioría “á espera de receber o expediente completo”.
O Goberno limítase a sinalar que “cumprirá coa lexislación vixente” pero non vai máis alá
En resposta á demanda do BNG de paralización das concesións, o Ministerio limítase a indicar que “aplica a lexislación vixente”, “cumprirá escrupulosamente a lexislación en materia de Avaliación Ambiental” e asegura que toma en consideración os plantexamentos das CC.AA”.
No relativo á caducidade dos expedientes só afirma que “se formalizarán conforme á lei”.