O tenente de alcalde anuncia que o BNG reclamará ao goberno central a reparación das instalacións da ETEA
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que o BNG “non vai quedar parado”, senón que presentará unha interpelación ao goberno central, a través da deputada Olaia Fernández Davila sobre a reparación das instalacións deportivas da ETEA. “Queremos que o Goberno decida investir unha parte da cantidade que vai recibir pola ETEA na reparación das instalacións deportivas”, subliñou o nacionalista.
“Creo que non se debeu asinar o convenio”, asegurou Santi Domínguez. Reiterou que, como xa tiña sinalado o BNG, a posición do Concello quedou debilitada pola ratificación do convenio. O tenente de alcalde subliñou que “foi un erro” porque a Zona Franca “deixou de entregar as instalacións en bo estado” e o Concello terá que facer un investimento superior aos dous millóns de euros.
Segundo o nacionalista “é lamentable que o Comité Executivo da Zona Franca non demostrara ningún interese en arranxar a situación”, destacou en resposta ás preguntas dos xornalistas sobre a reunión celebrada onte. Sinalou que, independentemente do resultado do informe xurídico solicitado, quedou claro que non hai vontade de asumir esas obras. “Eu pedín explícitamente que se votara si se estaba a favor ou en contra de reparar as instalacións e non se quixo. Nas intervencións quedou claro que non aceptan esta demanda”, precisou.
O tenente de alcalde rexeitou tamén as críticas feitas polo vicevoceiro do grupo municipal do Partido Popular sobre a posición que está a manter o BNG. “Ata o momento o Bloque Nacionalista Galego fixo bastante máis por conseguir que esas instalacións se entregaran á cidade en perfecto estado que o PP”, asegurou. Lembrou que o BNG non só se abstivo na votación do convenio da Zona Franca, senon que tampouco o ratificou na xunta de goberno e como novo paso vai demandar do Goberno do Estado que asuma a reparación. “O Partido Popular o único que fixo ata o dagora foi xerar barullo con este tema, pero non lle escoitei aínda unha soa proposta para solucionalo”, sinalou o tenente de alcalde.