A POLICÍA AUTONÓMICA DETÉN A CATRO PERSOAS EN NIGRÁN E OURENSE COMO PRESUNTOS AUTORES DE INCENDIOS FORESTAIS
-Este corpo de seguridade xa ten posto a disposición xudicial a dez persoas no que vai de ano por delitos relacionados cos lumes forestais
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Funcionarios da Xefatura Local de Vigo da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) informaron hoxe da detención de C.R.G. e P.M.A., mulleres de 75 e 67 anos de idade respectivamente, como presuntas autoras dun incendio forestal ocorrido no lugar de Vilariño de Arriba, na parroquia da Ramallosa do Concello de Nigrán (Pontevedra).
O lume que se lles imputa tivo lugar o pasado día 27 de febreiro. Tras facer pesquisas no lugar do incendio púidose saber que o lume se debera á realización de varias queimas autorizadas en masa forestal composta de eucaliptos e pino de 20 a 30 anos, xa que unha delas propagouse por mor de non quedar ben apagada.
No sinistro arderon 1,10 hectáreas de monte arborado. Por estes feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao xulgado de instrución número 7 de Vigo.
Lume en Ourense
Doutra banda, funcionarios da Xefatura Provincial da UPA en Ourense detiveron o pasado día 4 a M.L.P.P., unha muller de 69 anos, e a A.B.N., un home de 62, como presuntos autores dun lume forestal que tivo lugar na parroquia de Saceda-Palmes, en Ourense.
O incendio que se lles imputa tivo lugar o pasado día 3 de marzo ao descontrolarse unha queima autorizada que non gardaba as medidas de seguridade preventiva. Coas lapas arderon 0,5 hectáreas de masa arborada con pinos e carballos.
As dilixencias instruídas foron remitidas ao xulgado de instrución nº2 de Ourense. Con estas catro detencións, a Policía Autonómica xa ten posto a disposición xudicial a dez persoas no que vai de ano por delitos relacionados cos incendios forestais.