A actuación do organismo provincial contará cun orzamento de 610.443 euros e un prazo de execución de doce meses
A DEPUTACIÓN CONVOCA O CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN E AMPLIACIÓN DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DE CRECENTE
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra fixo hoxe público no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria do concurso, por procedemento aberto, das obras de rehabilitación e ampliación do Pavillón Polideportivo de Crecente, que concello e organismo provincial desenvolverán conxuntamente.
A obra obxecto deste contrato, para a que se estima un prazo de execución de doce meses, conta cun orzamento total de 610.443 euros.
As ofertas e solicitudes de participación poderán presentarse nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo ata o día 1 de abril. Unha vez rematado o prazo de presentación, as plicas abriranse no Pazo Provincial da Deputación o luns 6 de abril, terceiro día hábil seguinte o día de remate de presentación de ofertas, ás 10.00 horas da mañá.
Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta máis vantaxosa economicamente, atenderase ós seguintes criterios directamente vinculados ó obxecto do contrato: a redución do prezo sobre o orzamento máximo do contrato, ata un máximo de 40 puntos; elaboración de memoria construtiva e programa de traballo, ata un máximo de 20 puntos; menor prazo de execución, ata un máximo de 10 puntos; melloras na calidade e/ou cantidade global das obras proxectadas ou dalgunha das súas unidades, que redunden nunha maior calidade construtiva, ata un máximo de 10 puntos;
Tamén se valorará positivamente a elaboración dunha memoria de seguridade e saúde, ata un máximo de 5 puntos, tecnoloxía e I+D+i, ata un máximo de 5 puntos, plan de control de calidade da obra que a empresa manterá durante a súa execución, ata un máximo de 5 puntos; e programa de actuacións medioambientais, ata un máximo de 5 puntos.