DAVILA PEDE A MORATINOS QUE O ESTADO ESPAÑOL DEA PASOS NO RECOÑECEMENTO DA REPÚBLICA SAHARAUI E REALICE UNHA VISITA OFICIAL AO SÁHARA
Moratinos escúdase no argumento de que “deixen á poboación saharaui que decida o seu futuro” porque “se o recoñecemos como Estado xa non fará falla o dereito de autodeterminación”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse este mediodía ao Ministro de Asuntos Exteriores para pedirlle que o Estado español dea pasos cara o recoñecemento da República Saharaui e tamén realice unha visita oficial ao Sáhara para comprobar “in situ” a falta de liberdades e a vulneración dos dereitos humanos do pobo saharaui.
Davila realizaba estas solicitudes a Moratinos na súa comparecencia no Congreso, precisamente a solicitude do BNG, para explicar a posición do Goberno español en relación ao longo e duradeiro conflito no Sáhara Occidental.
A resposta esquiva do Ministro de Exteriores
Moratinos deu unha resposta esquiva á deputada do BNG ao afirmar que “deixen á poboación saharaui que decida sobre o seu futuro” e engadiu que “se o recoñecemos como un Estado xa non fará falla o dereito de autodeterminación. Non nos pronunciamos e non recoñecemos a República Saharaui”, e rematou con alusións ao Dereito Internacional.
A parlamentar nacionalista expuxo as súas dúbidas sobre unha solución imediata a este conflito que dura xa 35 anos. “Somos escépticos sobre unha solución imediata. Vosté fala dos múltiples traballos e resolucións de Nacións Unidas e do esforzo internacional. Pero, Señor Ministro, desde que Nacións Unidas se fixo cargo pasaron xa 15 anos e sen resolver nada”.
O Estado español ten unha grande responsabilidade no conflito
Olaia Fernández Davila lembrou que os acordos de Nacións Unidas foron asinados por Marrocos e polo Frente Polisario. “Pero Marrocos está a facer grandes esforzos para que non prosperen as resolucións da Comunidade Internacional. Por iso temos que cargar as tintas no papel do Estado marroquí, e na Comunidade Internacional por non realizar suficientes presións sobre Marrocos”.
Puxo de manifesto o papel do Estado español que “ten unha grande responsabilidade xa que en 1975 abandonou aos saharauis á súa sorte sen solución. Estamos a falar da responsabilidade para cun pobo colonizado polo Estado español”. Por iso, subliñou, “gostaríanos que o Goberno español asumira responsabilidades non só no recoñecemento do estatus do Frente Polisario, queremos pedirlle Señor Ministro, que dean pasos no recoñecemento da República Saharaui. Ínstamoslle a dar pasos nesa dirección”.
Asemade, a deputada do BNG demandou a realización de visitas oficiais ou formais ao Sáhara Occidental para “comprobar in situ a vulneración dos dereitos humanos na zona”. Denunciou o maltrato físico e a presión política de Marrocos para que os saharauis abandonen as súas propiedades e fiquen en mans de Marrocos.
Nesta cuestión, o Ministro de Asuntos Exteriores mencionou a visita efectuada por parlamentares do Parlamento europeo, e afirmou non ver problemas para que “esta Comisión e o Parlamento soliciten a Marrocos unha visita á zona”.
O Ministro de Exteriores disculpou as manifestacións do Presidente do Goberno sinalando que só “animou ás partes a unha negociación directa” e que se refería ao Plan de rexionalización de Marrocos.
Neste sentido, a deputada do BNG afirmou que “vosté dí que esas declaracións non foron para apoiar a unha das partes, Marrocos, senón para respaldar o Plan de rexionalización, pero se o Presidente do Goberno non fai unha matización é lóxico pensar que desde o Executivo se está a dar apoio a Marrocos. De aí a necesidade dunha aclaración”.