18 marzo 2009

Deputación de Pontevedra
establece convenio de ayuda a africanos

O organismo provincial apoiará á entidade con 20.000 euros
A DEPUTACIÓN COLABORA COA ASOCIACIÓN PARA A INTEGRACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO AFRICANO MEDIANTE UN CONVENIO DE ATENCIÓN INTEGRAL

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitou este serán a sede en Vigo da Asociación para a Integración e Desenvolvemento do Africano (AIDA) para asinar coa súa presidenta, Hortense Yaofanga, o convenio que vinculará, por segundo ano consecutivo, á organización co organismo provincial.
Esta colaboración, na que a Deputación inviste 20.000 euros, ten por obxecto contribuír a sufragar o Programa de Atención Integral ó Inmigrante Africano para o ano 2009, que promove a asociación, mediante cursos de intercambio entre cultura africana e española, actividades sociais e culturais, e axudas para a manutención do colectivo.
A presidenta desta asociación sen ánimo de lucro, Hortense Yaofanga, quixo agradecer “a xenerosidade da Deputación, que permitiu coas súas axudas que puidésemos instalarnos nun local digno, xa que hai tres anos estivemos a piques de pechar porque o que nos acollía non reunía as condicións necesarias”.
“Grazas á colaboración da Deputación”, explicou Yaofanga, “podemos seguir prestando un bo servizo á comunidade, dando alimento, formación en idiomas e cubrindo demandas de primeira necesidade a más de 1.500 persoas que dependen de nós, persoas de Senegal, Ghana, Togo, Congo, Mozambique, Angola ou Guinea Bissau, entre outros países”.
Louzán, destacou durante a sinatura do convenio que “desde a Deputación de Pontevedra somos conscientes da necesidade de apoiar ós colectivos sociais máis desfavorecidos, neste caso ós inmigrantes africanos, en prol de acadar a súa plena integración socio-laboral na nosa sociedade”.
Neste senso, o presidente provincial aclarou que “todo o que sexa favorecer o intercambio cultural e social e garantir o benestar de todas as persoas que conforman a nosa sociedade, sexan de onde sexan, é a nosa obriga e a nosa responsabilidade”.
Por último, concluíu que “son as administracións quen deben implicarse na busca dunha sociedade mellor, máis humana e xusta, máis heteroxénea e harmónica. Pero somos todos nós, os cidadáns, quen debemos consolidar unha cultura de integración que nos favorecerá a todos”.
Neste sentido, Yaofanga tamén recordou que “desde AIDA agradeceríamos que a administración nos axudara algo máis, xa que lles estamos aforrando un traballo importante ós organismos oficiais á hora de asesorar a quen nos pide axuda, na tramitación de documentación, e en distintas materias, todo cun equipo de voluntarios que ten de estar operativo ás 24 horas do día”.