OS NOVOS ENCONTROS DOS AXÓUXERES, DIRIXIDOS A FOMENTAR O USO FAMILIAR DO GALEGO, CHEGAN A MARÍN, MONFORTE E ALLARIZ
Ao longo do mes de abril haberá tamén funcións en Porto do Son, Ribeira, Boiro, A Illa de Arousa, Ribadumia, Cangas, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Outes, A Estrada, Poio e Teo
Os espectáculos combinan música, xogos, adiviñas e dinámicas de grupo pensadas para que participen nelas os cativos xunto cos seus pais
As funcións duran unha hora e desenvólvense en lugares con capacidade para 60 espectadores
O prazo de inscrición para poder asistir ás montaxes que se realizarán nas outras 13 vilas galegas continúa aberto
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A nova xeira dos Encontros dos Axóuxeres porase en marcha esta fin de semana con escalas nas vilas de Marín, Monforte de Lemos e Allariz. En Marín, a función terá lugar mañá venres, 20 de marzo, na Granxa de Briz, ás 18.00 horas. O domingo, 22 de marzo, os Axóuxeres recalarán en Monforte de Lemos, no Edificio Multiusos ás 12.00 horas; e tamén no concello de Allariz, onde se poderá presenciar a montaxe a partir das 18.00 horas no salón da praza de abastos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza e promove esta iniciativa, que ten por obxecto fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito da familia, especialmente entre os máis pequenos da casa.
As seguintes 13 vilas nas que desembarcarán os Encontros dos Axóuxeres durante o mes de abril son Porto do Son, Ribeira, Boiro, A Illa de Arousa, Ribadumia, Cangas, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Outes, A Estrada, Poio e Teo. Bebés e cativos constitúen unha peza clave deste proxecto, que nesta nova xeira se prolongará ata o 26 de abril.
Para poder participar nos Encontros dos Axóuxeres é requisito imprescindible inscribirse previamente. O prazo para poder facer as reservas permanece aberto desde o pasado 9 de marzo e o teléfono co que poden contactar as familias interesadas en anotarse é o 686 160 879.
Itinerancia
En Porto do Son, as familias poderán asistir a esta actividade o 3 de abril, no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, ás 18.00 horas. O 4 de abril, as funcións terán lugar no Auditorio Municipal de Ribeira, ás 12.00 horas; e na Casa da Cultura Ramón Martínez de Boiro, ás 18.00 horas.
O programa continuará o 5 de abril na Illa de Arousa, no Auditorio do Concello ás 12.00 horas; e en Ribadumia, no Centro Social de Barrantes, ás 18.00 horas. Os Encontros dos Axóuxeres chegarán a Cangas o 17 de abril, no Auditorio Municipal, ás seis da tarde.
O 18 de abril, serán as vilas de Ponteareas e Salvaterra de Miño as que acollerán esta iniciativa; no primeiro dos concellos mencionados a montaxe terá lugar no Centro Artístico Sportivo, ás 12.00 horas; mentres que no segundo municipio, será na Casa da Cultura, ás 18.00 horas.
En Tomiño, os Axóuxeres faranse o 19 de abril, no Auditorio de Goián, ás 12.00 horas. En Outes, o espectáculo desenvolverase o 24 de abril, no Centro Social, ás seis da tarde. Ao día seguinte, o día 25, serán as vilas da Estrada e Poio as que acollerán esta experiencia; no primeiro dos casos, será no Teatro Principal, ás 12.00 horas; e no segundo concello mencionado, terá lugar no local da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro, ás 18.00 horas. O peche desta nova xeira producirase o 26 de abril, na Casa Común de Oza, na vila de Teo, ás seis da tarde.
Música, peza fundamental
Os Encontros dos Axóuxeres son espectáculos nos que un grupo de artistas xoga con palabras, emocións e música para conseguir que os máis pequenos se arranquen a falar, a cantar e a gozar co galego. Os cinco sentidos (oído, vista, tacto, gusto e olfacto) e as cancións actúan de fío condutor, e é a artista Elena Paz a que dirixe a función. Músicos e actores, da man de Totó, que é un boneco de pelo azul que aprende as súas primeiras palabras, animan a pais, nais, bebés e cativos a que se impliquen de cheo no espectáculo. Para este proxecto compuxéronse expresamente cinco cancións, pezas que fan de elementos introdutorios dos diferentes xogos e dinámicas de grupo. A produción destes encontros corre a cargo da empresa Galitoon.
Público
Os Encontros dos Axóuxeres están pensados para bebés e cativos de ata 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Son funcións de carácter gratuíto que duran unha hora e que se desenvolven en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A anotación previa obedece ás limitacións de capacidade que require o espectáculo dadas as súas características.
Información na rede
Toda a información sobre as datas, as vilas, os horarios e outros detalles desta actividade poden atoparse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/axouxeres.
Ademais, as persoas que visiten ese espazo virtual comprobarán que tamén é posible descargar e escoitar as letras dalgunhas cancións compostas para as funcións, posto que un dos fins que persegue este proxecto consiste en favorecer que os pais e as nais poidan continuar xogando cos cativos nas súas casas. A web ofrece tamén outros materiais sobre as Festas e os Encontros dos Axóuxeres que xa se realizaron con anterioridade noutras vilas de Galicia.
Os Encontros dos Axóuxeres estiveron en outubro e novembro de 2008 nos concellos de Carballo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Burela, Ortigueira, Ribadavia, Celanova e Oroso.