Considero que un dos principais retos para os que temos responsabilidades políticas nestes primeiros anos do século XXI pasa por continuar o labor iniciado polas primeiras persoas que reivindicaron un espazo visible para as mulleres na sociedade: no mundo laboral, no mundo universitario, na administración e nos postos de decisión política.
Sen embargo, temos que ser conscientes de que en todo o mundo miles de mulleres continúan sendo membros invisibles e desprotexidos, a pesares de constituír maioritariamente a columna vertebral das familias. A violencia de xénero, sen ir máis lonxe, constitúe unha das principais lacras da nosa sociedade ata o punto de que o número de mulleres falecidas no 2008 a mans das súas parellas elevouse a 75 e no que vai de ano xa son 5 as vítimas da violencia machista (segundo o Ministerio de Igualdade).
Debemos loitar por unha sociedade na que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade e non unha promesa. Avanzar para que a taxa de emprego entre homes e mulleres se equipare; para que as mulleres con vontade de traballar podan facelo con todas as garantías e co mesmo nivel de estabilidade laboral e retributiva que os homes.
Do mesmo xeito, é necesario traballar na procura dun marco favorable que nos permita ás mulleres desenvolver as nosas capacidades laborais e emprendedoras. Debemos crear as condicións necesarias para conciliar a vida laboral e familiar.
A plena participación, en condicións de igualdade, da muller na vida política, civil, económica, social e cultural e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo, este debe ser un dos nosos principais cabalos de batalla.
Dende a Deputación de Pontevedra comprometémonos firmemente a seguir implicando ás mulleres na toma de decisións sobre asuntos que envolven a toda a cidadanía.
Continuaremos traballando para eliminar a inestabilidade laboral e a temporalidade dos contratos que seguen afectando principalmente ás mulleres e seguiremos reclamando a equiparación salarial entre homes e mulleres.
Tamén consideramos que é fundamental favorecer o reparto das tarefas domésticas, así como do coidado das persoas dependentes, un traballo que habitualmente asumen as mulleres e que non é debidamente recoñecido.
Seguiremos aplicando plans concretos para erradicar a violencia machista enfocados, especialmente, ós nenos e adolescentes, a modo de prevención. E, tamén, intensificaremos o noso rexeitamento social cara as actitudes violentas. E, entre outras moitas accións, reforzaremos os medios dos que dispoñemos para atender ás vítimas da violencia machista.
Está claro que non debemos -nin podemos- permitirnos o luxo de prescindir da capacidade, das ideas, do punto de vista da metade da nosa poboación. Sobre todo, cando andamos o camiño para a construción dunha sociedade máis xusta e con maiores oportunidades para os seus membros, na que todos somos necesarios.
Teresa Pedrosa Silva, deputada delegada de Acción Social
na Deputación Provincial de Pontevedra.
na Deputación Provincial de Pontevedra.