Resalta que o Consello aprobou o investimento de 4 millóns de euros en obras de emerxencia derivadas do ciclón Klaus e doutros 4 millóns para diversas actuacións no treito entre Vilalba e Cabreiros da autovía Ferrol-Vilalba
Informa da cesión a título gratuíto dun inmoble para a construción do parque de bombeiros de Vilalba
Apunta que se destinarán 200.000 euros para a posta en marcha de dúas unidades de atención a rapaces con discapacidade e as súas familias
Destaca a renovación do convenio entre Política Lingüística e a compañía Nokia para a implantación do galego nos terminais móbiles comercializados en Galicia
Asegura que “non existe parálise de ningún tipo” no Executivo autonómico e que hai “unha actuación normal e totalmente normalizada dun Goberno que está en funcións”
Explica que as oposicións convocadas antes do 1 de marzo son as que están “en marcha” e as posteriores ao 1 de marzo “cremos que debe ser o novo Goberno quen debe tomar as decisións”
Avoga porque se “siga protexendo o litoral” e confía en que “se tomen as medidas que o posibiliten”, logo de que o 17 de maio expire a vixencia da lei de protección actual
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, destacou hoxe que o Goberno galego en funcións aprobou o investimento dun total de 13 millóns de euros en materia de contratación de infraestruturas, para o desdobramento en autovía do corredor Brión–Martelo sen afectar ao tráfico, e para obras de emerxencia derivadas dos desperfectos ocasionados polo ciclón Klaus.
Así, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, explicou que se investirán 5 millóns de euros no corredor Brión-Martelo para garantir o seu futuro desdobramento en autovía, sen afectar ao tráfico. Un treito que, segundo detallou, ten unha lonxitude de 18 quilómetros e que forma parte do novo eixo de comunicacións entre a área de Compostela e o litoral de Muros e Noia, que acada de forma conxunta un investimento de 280 millóns de euros.
Pérez Touriño indicou que o treito Brión-Martelo se corresponde coa primeira parte do corredor Brión-Noia e lembrou que esta infraestrutura está en execución desde xaneiro pasado e que fora deseñada polo anterior Goberno con características de vía rápida. “Nós revisamos todas as actuacións con características de vías rápidas para pasar a outro tipo de prantexamento na realización de infraestruturas”, recordou o mandatario en funcións, o que permite que este conxunto de actuacións “quedan preparadas para que poidan ser desdobradas con características de autovía de forma sinxela, a menor custo e sen afectar ao tráfico”. A este respecto citou actuacións semellantes en autovías como a de Nadela-Sarria, Tui-A Guarda ou a de Celanova-fronteira portuguesa.
O outro paquete de actuacións aprobado polo Consello deriva de dous tipos de circunstancias: as obras de emerxencia asociadas co ciclón Klaus que houbo que efectuar en materia de estradas e de reparación, por valor de 4 millóns de euros; e outros 4 millóns para diversas actuacións no treito Vilalba-Cabreiros da autovía Ferrol-Vilalba.
Parque de bombeiros de Vilalba
O presidente da Xunta en funcións tamén deu conta da cesión a título gratuíto dun inmoble feito polo concello de Vilalba para a edificación do parque de bombeiros nesta localidade. Unha obra que entra tamén dentro da planificación e da programación aprobada e concertada no Consorcio da provincia de Lugo.
Reforzo da atención aos discapacitados e ás súas familias
O Consello da Xunta aprobou destinar 200.000 euros para a posta en marcha de dúas unidades de atención a persoas con discapacidade e as súas familias, de acordo a un convenio de colaboración asinado entre a Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar e a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).
Segundo apuntou Pérez Touriño, a finalidade destas unidades é ofrecer unha atención integral desde a proximidade ás familias con nenos discapacitados entre 0 e 16 anos.
Móbiles en galego
Outro dos acordos adoptados polo Consello da Xunta foi a renovación do convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Nokia para a implantación do galego nos terminais comercializados en Galicia. Segundo explicou o presidente da Xunta en funcións, este convenio renova o xa subscrito en setembro do ano pasado que agora pasa a ser indefinido, co que se afianza o compromiso desta compañía coa galeguización do sector.
Está enmarcado dentro doutra serie de convenios de características similares que están en marcha coas principais empresas fabricantes e operadoras de telefonía móbil: Alcatel, Motorola, Samsung, Sony Ericcson ou Movistar, Orange, R, Vodafone e Yoigo.
O xefe do Executivo autonómico en funcións, tamén deu conta do cese a petición propia de José Vázquez Portomeñe como secretario Xeral da Consellería de Traballo.
Actividade “normal” dun Goberno en funcións
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o máximo mandatario autonómico en funcións destacou que non existe “parálise de ningún tipo” no Executivo autonómico, e que hai “unha actuación normal e totalmente normalizada dun Goberno que está en funcións e que, polo tanto, realiza as tarefas propias dun Goberno en funcións”. “Non se publican normas de carácter xeral dado que legalmente non lle corresponde esa tarefa a un Goberno en funcións, pero todos os acordos administrativos, de contratación, de execución de orzamentos ou de continuación de expedientes seguen o seu curso con normalidade”, explicou Emilio Pérez Touriño insistindo en que a Administración galega se está a comportar “con absoluta normalidade”.
“O que hai son as características propias do proceso electoral, inevitables, que distingue entre o que debe e pode facer un Goberno en funcións daquelo que non pode facer”, asegurou Touriño, insistindo en que non se poden tomar “novas decisións ou actuar con novas normas de carácter xeral” pero si realizar actuacións de carácter “ordinario”. “Polo tanto –concluíu-, non hai nada excepcional, é todo previsible, como sempre foi e debe seguir sendo, de acordo á normativa e de acordo ás normas de xogo deste país”.
En marcha, procesos anteriores ao 1 de marzo
Preguntado polos procesos para a selección de persoal, o presidente da Xunta en funcións indicou que “non hai ningunha paralización de oposicións” xa que todos os procesos iniciados antes das eleccións “seguen en curso e débense desenvolver porque estaban convocados e, polo tanto, previstos e en plena vixencia antes das eleccións do 1 de marzo”. “O que se suspendeu foi o nomeamento de novos tribunais para outras oposicións porque nos parece un requisito de prudencia que sexa o novo Goberno o que estableza os tribunais e concerte como deba os tribunais”, explicou Emilio Pérez Touriño. Remarcou que “todo o que ten que ver con antes do 1 de marzo non está paralizado” e que o posterior a esta data “lle corresponde tomar a decisión ao novo Goberno, cando tome posesión”. Touriño indicou que a modificación temporal que pode supoñer esta decisión é de entre 15 e 20 días hábiles, un mes contado en días naturais, o que considerou como un “tempo diferencial razoable, explicable e defendible por parte dun Goberno en funcións que quere actuar con absoluta limpeza e prudencia” e que, dixo, “tampouco parece que sexa un tempo prexudicial excesivo para ninguén”. “En todo caso –aseverou o mandatario galego en funcións-, o de antes do 1 de marzo é o que está en marcha e o posterior ao 1 de marzo cremos que debe ser o novo Goberno quen debe tomar as decisións”
Respecto aos procesos selectivos de persoal específicos relacionados co Consorcio Galego de Benestar, Emilio Pérez Touriño explicou que se trata dun ente consorciado entre a Administración autonómica e local, que existen procedementos postos en marcha antes do 1 de marzo e que o que se acordou é que sexa o novo Goberno, “nas condicións que determine”, quen resolva estas oposicións. “Polo tanto están en marcha, están en tramitación, seguen o seu proceso pero non será este Goberno senón o novo o que resolva esas oposicións”, precisou.
Protexer o litoral
O presidente da Xunta en funcións destacou ademais que, “no momento oportuno, seguramente antes de rematar o mes”, o Goberno en funcións da Xunta fará unha “avaliación” sobre cal é a situación da protección da costa e a ordenación do litoral, unha vez que o vindeiro 17 de maio expire a vixencia da lei que o protexe. A este respecto, Touriño lembrou que o Executivo que preside defende unha política “de protección do litoral”, que hai unha lei, que está en vigor, “que expira o 17 de maio, que estamos a 18 de marzo e, polo tanto, a 2 meses aínda desa expiración”. “Teño para min que pode haber e debe haber mecanismos suficientes, pode haber unha garantía de que esa política -o próximo Goberno decidirá o que queira facer-, pero hai, creo, que marxe de manobra e polo tanto imos esperar a esa decisión que tome o novo Goberno e hai tempo, hai aínda dous meses por diante. Desde logo a posición do Goberno da Xunta, do seu presidente e da Consellería responsable da área é que se siga protexendo o litoral e polo tanto que se tomen as medidas que o posibiliten”, aseverou ao respecto.
Respecto ao financiamento autonómico, o titular da Xunta en funcións lembrou que o novo Goberno que tome posesión tras o 1 de abril se deberá facer cargo da negociación do financiamento, que Galicia xa ten “plantexado as súas demandas, a súa reivindicación e a súa negociación en materia de financiamento autonómico” e que lle corresponderá ao próximo Executivo “proseguir esa negociación e concluíla”. “Nós reivindicamos un financiamento que permita mellorar os servizos, os termos de financiamento da nosa comunidade que son coñecidos, que foron debatidos no Parlamento e consultados nos grupos e hai toda unha traxectoria reivindicativa e negociadora do financiamento da comunidade que é ben coñecida, diferente doutras comunidades” pero que recolle, entre outros, a ponderación da dispersión ou a poboación.