Segundo a investigación da profesora Ana Bernabeu
- As praias da Costa da Morte agochan fuel do Prestige a varios metros de profundidade
O traballo vén de ser publicado na prestixiosa revista Environmental Science & Technology
VIGO/PONTEVEDRA .- M. Del Río | Diario da Universidade de Vigo.
Varios anos despois do afundimento do Prestige, a visión de praias limpas e libres de hidrocarburos non é tal. A pesar de que no ano 2007 a superficie dos areais presentaba o seu aspecto habitual, a varios metros de profundidade a realidade era outra. Isto é o que demostra o traballo da profesora Ana Bernabeu, que vén de ser publicado na prestixiosa revista sobre temas ambientais Environmental Science & Technology. “Intuíamos que o fuel ía quedar soterrado, que a visión ía ser de praias limpas, pero estaría por debaixo da superficie. Tiñamos a inquedanza de que iso estaba aí, e non só caso do Prestige, senón que probablemente sucedese o mesmo noutras ocasións”.
Unha vez demostrada esta tese con datos que chegan ata o ano 2007, agora o traballo deste grupo de investigación, do que tamén forma parte o catedrático Federico Vilas e os profesores Daniel Rey e Belén Rubio, centrarase no desenvolvemento dun protocolo de avaliación para futuros casos.
Xunto coa presenza de hidrocarburos procedentes da marea negra do Prestige soterrados nas praias da “zona cero”, este estudo, pioneiro sobre este tipo de contaminación en praias areosas, revelou outros datos importantes que non se tiñan en conta ata o momento. Bernabeu salienta que se cría que “unha vez o fuel se enterraba deixaba de degradarse e non contaminaba, pero no estudo, desenvolto co Departamento de Química Ambiental de Barcelona dirixido por Joan Albaigés, comprobamos que non era así”. Confirmouse así que hai procesos de degradación, que o fuel evoluciona e, sobre as consecuencias, apunta que “non as coñecemos a medio ou longo prazo aínda que, polo visto ata agora, semella que a contaminación non é grave”.
Sobre o que supón a publicación do traballo, Bernabeu salienta que “estamos encantados, moi contentos porque é un recoñecemento importante e demostramos que hai algo novo neste tema e algo que aínda está por facer”.
Metodoloxía da investigación
O traballo de investigación botou a andar coa primeira campaña en 2004 volvendo en anos posteriores ás praias da Costa da Morte máis castigadas pola marea negra como O Rostro ou Nemiña ata rematar o traballo de campo en 2007. Financiados pola Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e o Ministerio de Educación e Ciencia a través da Comisión de Vertidos Mariños, neste tempo recolleron mostras nos areais. Como explica Ana Bernabeu “son praias moi expostas e a area móvese constantemente e, cando chegou o fuel, movíanse area e fuel”, soterrando os hidrocarburos a varios metros de profundidade pola forza das ondas. “Non son cantidades escandalosas, pero iso queda aí e non hai estudos da repercusión que pode ter a longo prazo”, subliña. Xunto coa “zona cero”, o traballo desprazouse tamén a areais máis ao sur da Costa da Morte e incluso a Euskadi.
Traballo pioneiro
Este estudo, publicado a pasada semana por Environmental Science & Technology, é un dos primeiros traballos que se centran na contaminación en praias de area. Segundo explica Bernabeu “revisando a bibliografía sobre mareas negras en costa, puidemos comprobar que a maioría dos traballos, máis do 80%, están centrados no Exxon Valdez”, pero na costa de Alasca as praias son de grava e os mecanismos de contaminación son moi diferentes e as condicións son moi distintas. Outra curiosidade que desvelou este estudo é que a maioría da xente que está neste tipo de investigacións son fundamentalmente químicos e “a súa preocupación centrase en como se degrada o fuel, a súa toxicidade... pero descoñecen o medio no que estaban traballando; nas xuntanzas cando comezamos a traballar no vertido do Prestige non crían que puidese cambiar tanto a praia, millóns de metros cúbicos de area do verán ao inverno e, con esa area vai o fuel”.
Un protocolo de actuación, proxecto de futuro
Ao longo destes anos de traballo e estudo, o grupo de investigación puido comprobar como en algúns dos manuais de consulta “chegan a dicir que se pode asumir que hai fuel soterrado, pero mentres non se destape durante a época de turismo non paga a pena extraelo, algo que nos parece escandaloso”, destaca Ana Bernabeu.
Ante esta situación e unha vez demostrada a presenza de hidrocarburos en profundidade, é momento de establecer un protocolo de avaliación da marea negra que, “a partir dunha serie de datos definiranos si hai posibilidade de exista fuel soterrado e, se existe, a posibilidade de limpeza natural da praia”. Ese é o novo proxecto no que está comezando a traballar o Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental. “Xa sabemos que esa contaminación está, que o fuel se degrada unha vez soterrado e agora queremos afondar no estudo para presentar un protocolo de limpeza”, explica a investigadora. Con esta iniciativa recentemente comezada, está prevista unha campaña o mes que vén en Nemiña.
A este respecto, explica que “as praia con moita mobilidade de area poden limparse solas, pero a clave está nas condicións de ondada e clima que hai no momento de contaminación”. Estes accidentes están vinculados habitualmente a condicións de treboadas que removen toda a area; “un período posterior de bonanza sube toda a area outra vez e enterra o fuel, ata que non volve a haber condicións de temporal extremas non se volven desenterrar os hidrocarburos”.
Sobre a xestión das mareas negras, Bernabeu explica que o que pretenden é poñer de manifesto “algo que non se tiña visto ata agora, que non interesaba”. Agora toca valorar ese fuel e o que se debe facer con el, así como as repercusións ambientais de mover toda esa area”, puntualiza. A nivel europeo recoñécese a necesidade deste tipo de protocolos, polo que o novo proxecto une a Universidade de Vigo con institucións portuguesas e francesas para traballar nos vindeiros tres anos na busca dun modelo de actuación que, ata agora, non aparecía nos manuais.