Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Martin Fragueiro, respostou ao senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, que se vai crear unha Unidade Específica para o control das importacións de peixe e tamén anunciou que se prorrogará o prazo para a regularización das embarcacións.
Esta tarde comparecía no Senado o Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Martin Fragueiro, para explicar diversas cuestións relacionadas coa pesca e co litoral. Pérez Bouza dirixiulle diversas preguntas relacionadas coa frota pesqueira galega e tamén coa Lei de Costas.
Proceso de regularización de embarcacións e resposta de Fragueiro
Pérez Bouza fixo alusión ao proceso de regularización de embarcacións que está a ser negativo para Galiza. O senador nacionalista salientou o gran peso que a pesca galega ten no Estado pero boa parte das embarcacións non se están a regularizar. “Entre outros motivos, porque a lei aprobada non está adaptada ás necesidades do sector galego. Cando fixeron a lei deberían ter en conta as especificidades da frota galega, como o feito de que a potencia dos barcos supere ás das outras partes do Estado debido precisamente ás características do mar”.
Neste sentido, expresou o desexo de que “a lei non pretenda o desmantelamento encuberto da frota galega” xa que foi a zona pesqueira que máis desmantelamentos sofreu, e saudou o anuncio de prorrogar o prazo para rexistrar as embarcacións.
Martín Fragueiro deuse por enterado do acordo unánime do Parlamento galego nesta materia, e respostou ao BNG que “ningún inconvinte en ampliar o proceso de regularización das embarcacións”, mais puxo problemas ao tema de aumentar a potencia dos barcos pero se amosou abreto a “continuar a traballar no tema”.
Importacións ilegais de peixe
Respeito ás importacións de peixe, o senador do BNG demandou maiores controis, unha mellor etiquetaxe para rematar coa pesca ilegal porque “segue a entrar peixe ilegal”. Asemade, instou ao Secretario Xeral do Mar a mellorar a negociación con Portugal para acadar un Acordo de Pesca máis ventaxoso para a frota galega. E preguntoulle acerca das previsións futuros de Acordos de Pesca internacionais como con Mauritania, Senegal ou Groenlandia. Tamén reivindicou o pago imediato das axudas comprometidas aos mariñeiros afectados polos paros obrigatorios de tres meses de duración e que a día de hoxe aínda non cobraron.
O Secretario Xeral do Mar anunciou a creación dunha Unidade Específica só para o control das importacións de peixe que contará cun personal de 7 persoas que traballarán os 7 días da semana nas 24 horas. Tamén dixo que o tema das importacións mellorará a partir do ano 2010 cando se aplique o regulamento da pesca ilegal, según o cal hai que demostrar a especie que se captura dacordo as normas e certificado polo pais do pavillón, demostrar a procedencia e a certificación do produto.
Axudas a mariñeiros pendentes de pago e resposta de Fragueiro
Pérez Bouza reivindicou o pago imediato das axudas comprometidas aos mariñeiros afectados polos paros obrigatorios de tres meses de duración e que a día de hoxe aínda non cobraron. Neste sentido, Martin Fragueiro escudouse no feito de que a día de 24 de xuño hai 65 armadores da frota e pescada que non completaron os expedientes, así como 64 armadores da frota da cigala. Dixo que recibiran 233 expedientes da frota e se tramitaron 166 para todas as modalidades, é dicer, tramitouse o 69% das solicitudes. En canto á pescada norte, dixo que recibiran 249 expedientes e había 182 tramitados, un 73% según el.
Lei de Costas e o problema de núcleos como os de Marín
O senador do BNG aproveitou a comparecencia de Martin Fragueiro para trasladarlle o problema de núcleos de poboación consolidados como Marín, Loira ou Moaña, e que agora coa Lei de Costas quedarán nunha situación de ilegalidade. Salientou a situación dos cidadáns desas poboacións que non poden nen vender as súas vivendas, nen reformalas. E pediu ao alto cargo do Ministerio que se estude e se resolva esta situación que nada ten que haber coa situación dos denominados chiringuitos.
O Secretario Xeral do Mar limitouse a sinalar que “estamos a traballar a nivel técnico con todos os implicados”.
Non esqueceu Pérez Bouza o tema das competencias e interpelou a Martin Fragueiro sobre o traspaso das competencias a Galiza na xestión do dominio público marítimo terrestre, as competencias en lonxas e portos, na loita contra a contaminación mariña e na investigación oceanográfica.