30 junio 2009

Xunta : ya empiezan a gastarse los cuartiños del próximo Xacobeo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro Roberto Varela, anunciou hoxe na presentación de Festival Via Stellae que a edición de 2010 será o marco da estrea mundial dunha obra musical de gran formato para a Catedral de Santiago. A Consellería de Cultura e Turismo pretende revestir o evento coa “maior transcendencia posible para Galicia no Ano Santo” e encargará a obra a “un compositor de renome e de recoñecido prestixio”.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, confirma a continuidade do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños que, desde o próximo xoves día 2 de xullo ata o xoves 23, ten programados máis de 100 concertos en 38 vilas e cidades de Galicia. Segundo Roberto Varela, trátase dun “evento novo en idade pero grande en prestixio, un referente musical a nivel europeo que imos relanzar de cara ao Xacobeo 2010, no que temos que aproveitar todo o seu potencial de atracción turística”.

O conselleiro compareceu ante os medios acompañado pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos e o director artístico do Festival, Víctor Carou. Avanzou que o seu departamento prevé unha “inversión especial” para o Via Stellae 2010, que presentará modificacións na súa programación. “Deseñaremos un Festival máis completo, cunha selección máis aberta e variada, integrando música contemporánea e de vangarda co obxectivo de involucrar a máis sensibilidades”, asegurou Roberto Varela. O titular de Cultura e Turismo confirmou, asemade, que Victor Carou continuará ao fronte da dirección artística de Via Stellae, que na súa denominación a partir do vindeiro ano incluirá Galicia “para que se identifique aínda máis coa nosa comunidade”.

Como novidade para a próxima edición, o conselleiro avanzou a inclusión de actividades e estilos musicais dirixidos a “captar a atención de mozos e nenos, un público sempre entusiasta e fundamental para a promoción e difusión da cultura”.