26 junio 2009

BNG dice que es un fraude lo pactado entre Blanco y Feijóo sobre el AVE

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez cualificou esta mañá en rolda de prensa de “pacto fraude o acordo acadado polo señor Feijóo co señor Blanco sobre as infraestruturas ferroviarias galegas, en concreto sobre o AVE. Ésta é unha película vella, non é ningunha estrea, unha peli que xa vimo moitas veces e que xa sabemos como acaba”.

O líder do BNG amosou a súa sorpresa por atoparse ante “un grande idilio para avalar unha gran mentira” e indicou que “chama moitísimo a atención que o Partido Popular estando na oposición levantara bandeiríns ultracríticos da construción de infraestruturas ferroviarias e agora o señor Feijóo avale o proxecto do Estado para retrasar a construción deste ferrocarril e ademais faino entusiasticamente”.

Tal e como apuntou Vázquez, esta posición do presidente da Xunta vén avalar “máis unha vez o que temos repetido: que PP e PSOE están dacordo co mesmo modeol de infraestruturas para o Estado e para Galiza e aceitan que Galiza siga a ser o vagón de cola neste tema”.

O portavoz nacional indicou que “é evidente que se 2012 non era posíbel de ningún xeito, non parece que nun horizonte de tres anos máis sexa críbel. É moi difícil de avalar esta posición”.

Guillerme Vázquez criticou as numerosas imprecisións que existen e referíuse ao anuncio “dunha especie de tren mixto en fase de prototipo e desaparece a proposta de electrificación dun tramo de vía”.

No referido ao Eixo Atlántico, o líder do BNG lembrou que se volve falar da data de 2012 “con moi pouca credibilidade porque no caso de Ferrol-A Coruña o tramo nin está previsto nin se lle espera” e quixo lembrar que había un acordo Estado-Xunta que falaba do 2000-2007, ao tempo que lrecordou que a conexión coa meseta nin se contempla e que “o financiamento é unha especie de gran nebulosa que queremos saber como se vai concretando”.

Neste sentido, apuntou que “non sabemos que parte de fondos públicos se vai destinar a estas obras nin de onde se van sacar. Fálase de peaxe na sombra, de iniciativa privada para financiar unha parte destas obras” e, sobre este punto amosou a súa sorpresa porque o PP sempre é moi crítico cando se fala do endebedamento do Estado”.

O líder do Bloque criticou asemade a decisión de que a Xunta coopere no financiamento das obras de titularidade estatal e insistiu en que este acordo “non ten ningunha credibilidade nin no financiamento nin no compromiso que poida desenvolver o Estado e hai que lembrar os antecedentes dos últimos anos nos que o Estado non investíu o previsto nas obras ferroviarias orzamentadas”.

“Os antecedentes non nos inducen ao optimismo”, aseverou e lembrou neste sentido, “o pacto das autovías asinado asinado por Manuel Fraga con data de conclusión en 1995 e acabaron en 2001”, ou o pacto para o desenvolvemento da rede ferroviaria interior asinado tamén polo señor Fraga que falaba do plan 2000-2007 “e estamos no 2009 e as obras están sen concluír e seguirán así polo menos até o 2012”.

“Lamentamos a submisión do presidente da Xunta aos intereses do goberno do Estado”, concluíu Vázquez ao tempo que ironizou con que “eu acepto os idilios pero estamos falando do país e da necesidade de facer infraestruturas básicas para o País”.

Feijóo, actor secundario no financiamento

O portavoz nacional referiuse tamén á negociación do financiamento autonómico e criticou neste eido a “incapacidade do presidente Feijóo para formular unha posición concreta de que modelo quer Galiza no marco do debate que hai no Estado”.

Guillerme Vázquez advertiu de que “outras comunidades autónomas xa o fixeron e mentres, o presidente da Xunta só amosa o seu interese polo grande problema que é Cataluña e non di que modelo queremos para o noso país, que parte do montante é o que necesitaría Galiza, como podemos ter suficiencia financeira no país”.

Para o líder do nacionalismo galego, o papel que está a xogar Feijóo neste tema é o dun “actor secundario” e indicou que “despois deste idilio nas infraestruturas o único que se pode agardar é que se chegue a un pacto na financiación e que Galiza colla o que o Estado lle outorgue graciosamente”.