Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, cualificou de “gran engano” o proxecto do anterior Goberno para dar axudas complementarias aos afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) de suspensión, dado que foi un anuncio para o que non existía dotación orzamentaria.
Mato, que acudiu hoxe ao Parlamento cun pin da Torre de Hércules como símbolo de apoio á candidatura do faro romano a Patrimonio da Humanidade, respondeu a unha interpelación parlamentaria sobre este borrador de orde, que iniciou a súa tramitación o día 11 de marzo, cando o anterior Goberno estaba en funcións. “Iniciáronse os seus trámites administrativos cunha dotación orzamentaria de cero euros”, lamentou a conselleira.
A titular do departamento autonómico explicou que o anterior equipo de Traballo solicitou á Consellería de Economía que dotara esta orde con 25 millóns da partida de imprevistos, unha petición que foi denegada “en dúas ocasións”, e que tiña como obxecto que os traballadores afectados por ERE de suspensión pasaran de cobrar o 70 por cento da súa base reguladora a un 90 por cento.
Fronte a isto, contrapuxo as accións levadas a cabo polo Goberno galego para frear o desemprego. Así, recordou que se está a realizar un “importante esforzo orzamentario” para poñer en marcha “de xeito inmediato” un plan de choque “con medidas concretas” para crear emprego.
Neste eido, puxo en valor o plan de 30 millóns anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para a contratación de 4.000 parados que esgotaron as súas prestacións e subsidios. Mato insistiu en que o “prioritario” para o Goberno galego é atender “a quen máis o necesita que, neste caso, como resulta evidente, son os parados que non perciben nin prestación por desemprego nin subsidio algún”. A esas persoas, dixo, vai dirixido ese “esforzo orzamentario” de 30 millóns de euros que se suman aos 34,8 do plan de cooperación coas entidades locais.
A titular de Traballo anunciou que “despois desta medida, virán outras máis”, que se negociarán cos axentes sociais e que estarán financiadas con parte do que se obtivo do Plan de Austeridade. O obxectivo é actuar ante o “principal problema” de Galicia, que é o paro, unha problemática que viven 207.00 familias “con preocupación e dramatismo”.
Por outra banda, a conselleira recordou durante a súa resposta que o departamento vixiará “rigorosamente” a autorización dos ERE, para “non fomentar a súa utilización de forma masiva e irresponsable”.
Mediación continua no conflito do metal
No turno de preguntas orais, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou no Parlamento a labor de mediación que leva a cabo o Goberno galego na negociación do convenio colectivo do metal na provincia de Pontevedra. Mato subliñou que o departamento que dirixe preocupouse polas negociacións do metal dende “o minuto cero” para tratar de achegar posturas e pechar o convenio canto antes.
Asegurou que esgotará todas as posibilidades e empregará todos os recursos da administración para resolver o conflito canto antes, “algo que non se fixo dende o anterior Goberno que, a pesar de ter xa o conflito enriba da mesa, non aportou nada para que as negociacións entre sindicatos e patronal avanzasen”, subliñou Mato.
A Xunta, sinalou a titular de Traballo, estivo presente na negociación do convenio ao longo dos dous meses que leva no goberno, así o demostra “o relatorio de datas” nas que se produciron encontros entre as dúas partes implicadas e os mediadores da Xunta. Moitas desas xuntanzas, advertiu Mato, non se tiveran producido “se non chega a ser pola mediación da Xunta”, o que demostra a “vontade conciliadora e mediadora” deste Goberno.
A titular de Traballo tamén tivo palabras para os mediadores da Xunta no conflito do metal dos que destacou a ampla experiencia e o recoñecido prestixio que os avala na mediación de convenios.
Mato lamentou que nas últimas semanas ningún partido da oposición ofrecera á Xunta a súa vontade para desbloquear o conflito, o que segundo Mato, reflicte “o pouco ou nada que lle preocupan os intereses dos traballadores do metal e os intereses xerais de Galicia.”
Dende a Consellería de Traballo, engadiu Mato, “non baixaremos á garda e seguiremos apelando a calma e ao diálogo” para propiciar o espazo axeitado para que a solución do convenio do metal en Pontevedra sexa “máis pronto que tarde”.
Compromiso coa igualdade
Por último, a conselleira de Traballo comprometeuse a “loitar” contra os prexuízos que sofren algunhas persoas pola súa orientación sexual. Neste sentido, e en resposta a unha pregunta do BNG sobre a erradicación dos prexuízos contra homosexualidade, Mato asegurou que o seu departamento, a través de, entre outros instrumentos, dos centros Quérote traballará para “combater” calquera tipo de discriminación.
Así mesmo, manifestou a súa convicción de que é necesario actuar nesta liña en colaboración coas organizacións e colectivos de homosexuais para que se respecten os dereitos de todas e todos.