Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a un total de 67 persoas debido a 47 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 26 de xuño, ata as 23:59 horas do domingo, 28 de xuño. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado e domingo con 20 accidentes cada día.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 57 chamadas en relación con accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 47 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 67 persoas.
A proporción de homes atendida foi do 61 por cento e a de mulleres do 39 por cento. Nas idades dos feridos, obsérvase que un 52 por cento dos atendidos ten entre os 15 e os 34 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros, durante os desprazamentos destas datas.
Provincia Accidentes
A Coruña 13
Lugo 9
Ourense 3
Pontevedra 22
Galicia 47
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 60. Así, as UVI móbiles mobilizáronse en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 48 accidentes; as concertadas en seis casos e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria noutros catro sinistros.
En 50 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e en catro ocasións ao centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de Atención Primaria mentres que 11 persoas lesionadas foron atendidas no propio lugar do incidente sen necesitar traslado, e dúas faleceron no lugar do incidente.