Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A asemblea de militantes do BNG do Condado-Paradanta e a Louriña, ven de concluír o proceso de renovación dos seus órganos de dirección coa elección durante o pasado fin de semana dun novo Consello e Executiva Comarcal.
Este proceso de renovación iniciouse tras a Asemblea Nacional Extraordinaria celebrada en Santiago o pasado 10 de maio e completarase coa elección dos órganos de dirección de cada unha das 11 localidades que conforman esta comarca organizativa do BNG (Ponteareas, O Porriño, Salceda, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, A Caniza. O Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario).
A asemblea comarcal que contou coa participación de 150 persoas afiliadas, respaldou cun 63% dos votos á candidatura denominada “Lista de Integración” encabezada por Francisco Chivite Mosquera, fronte á segunda candidatura que encabezada pola ate agora responsable comarcal Sandra Arauxo que recibiu o 35% dos apoios. En consecuencia resultou eleito como novo Responsable-Portavoz Comarcal do BNG Chivite, quen interpretou o respaldo recibido como a firme decisión do Bloque do Condado de traballar unido para recuperar a iniciativa política na Comarca e continuar na tendencia de crecemento que levou aos nacionalistas a situarse como 2ª forza neste territorio, ostentando xa as alcaldías de O Porriño e Salceda, sendo clara alternativa aos gobernos do PP nos concellos do Condado-Paradanta.
A executiva comarcal pola súa banda resultou elexida prácticamente por unanimidade ao contar a única lista presentada co voto favorable de todos os presentes agás unha única abstención.
A nova executiva comarcal está conformada ademais de por Francisco Chivite polas seguintes persoas:
Marcelo Rodríguez, Hortensia Bautista, Mónica Velasco, Lois Anjo Gonzalez, Alicia Lorenzo, Berta Chivite.
Da composición da nova executiva salientase a combinación entre a experiencia de persoas que participaron en direccións anteriores coa de outras que se incorporan por vez primeira á dirección comarcal, por outra banda a forte presenza de mulleres, que acadan por vez primeira a maioría na executiva comarcal do BNG.