27 junio 2009

Las promesas de F-009 en su visita a Pontevedra capital

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe que o Goberno galego constrúa un novo hospital en Pontevedra cos mesmos prazos previstos para ampliar o actual. Deste xeito, segundo a proposta do máximo mandatario autonómico, as obras do novo hospital comezarían en 2011 mantendo ou incluso reducindo os prazos da ampliación prevista en Montecelo. “O meu compromiso é que os prazos do novo hospital non se incrementen nin un mes. Nin trinta días de retraso –afirmou Feijóo-, e gustaríame incluso ser máis ambicioso e facelo en menos tempo que o inicialmente previsto”. Neste sentido, o presidente galego lembrou que a ampliación de Montecelo tiña un prazo previsto de 66 meses e amosou a súa disposición de asinar un acordo por escrito que recolla os prazos de construción do novo hospital.

O presidente autonómico, quen esta mañá realizou a súa primeira visita institucional ao Concello de Pontevedra, asegurou que este novo hospital será “a solución definitiva” para solventar as importantes carencias que sofre un área sanitaria que atende a máis de 270.000 persoas”. “O Goberno vaise involucrar ao límite das súas posibilidades”, afirmou, indicando que plantexa “dar un salto cualitativo e construír un novo hospital como a solución óptima aos problemas sanitarios da comarca a medio e longo prazo”.

O máximo mandatario galego destacou as vantaxes da construción desta nova infraestrutura e explicou que a diferenza orzamentaria, 120 millóns de ampliación fronte aos 180 de construción dun novo hospital, paliarase co maior aforro que permite o mantemento dun hospital de nova planta.

Feijóo remarcou tamén que a construción dun novo centro sanitario evitará as dificultades na asistencia no Hospital de Montecelo mentres duren as obras e sinalou que a “vida útil dun edificio novo é maior que o dunha ampliación”.

Manter o compromiso de trasladar Ence
No transcurso da súa intervención o presidente galego destacou que a Xunta non ten máis compromiso que os intereses das cidades galegas “e máis se se trata de capitais de provincia, como é o caso de Pontevedra”. Neste sentido, expresou o compromiso do Goberno que preside con facer realidade o desexo dos pontevedreses e trasladar Ence fóra da ría.

Feijóo explicou que, tal e como tiña comprometido, se reuniu hai escasos días co presidente de Ence, a quen lle trasladou a súa vontade clara de trasladar a factoría, se pode ser, nun emprazamento dentro da comarca de Pontevedra. “Gustaríanos que estivese dentro da área de influenza de Pontevedra para conseguir ese gran soño de todos os galegos de apostar por un desenvolvemento sustentable: recuperar a ría e un dos lugares máis emblemáticos, pero tamén mantendo o emprego e o tecido produtivo e industrial”, argumentou.

Neste sentido, o presidente galego adiantou que a xunta directiva de Ence manterá nas vindeiras datas xuntanzas cos conselleiros de Economía e Industria e do Medio Rural e, posteriormente, co de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A capitalidade de Pontevedra
O presidente da Xunta asegurou, logo das xuntanzas mantidas esta mañá co alcalde e os voceiros municipais, que espera que esta visita supoña a apertura dun contacto fluído e dun diálogo permanente entre a Xunta de Galicia e o concello de Pontevedra. Neste sentido, remarcou a transcendencia de Pontevedra como capital de provincia dentro de Galicia: “non lle imos quitar nada a Pontevedra”, afirmou en referencia á nova estrutura territorial da Xunta de Galicia. “Segue sendo capital e a Xunta segue mantendo todas as súas instalacións, todos os seus servizos e todo o seu persoal. Mentres eu sexa presidente da Xunta non haberá diminución dos servizos que o Goberno galego ofrece aos cidadáns en Pontevedra”, salientou.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo abondou noutros temas abordados esta mañá nas xuntanzas, como o saneamento integral das parroquias rurais próximas á cidade, no que se investirán 5,7 millóns de euros, ou a rolda urbana de Pontevedra, que se atopa en tramitación na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O presidente galego explicou que tamén falou de Pontevedra na reunión que mantivo o pasado mércores co ministro de Fomento, José Blanco, e salientou que a cidade está no centro do Eixo Atlántico de alta velocidade, que estará plenamente en servizo no ano 2012. Ademais, Feijóo anunciou a licitación, no ano 2010, de dous treitos de circunvalación da cidade e afirmou que conseguiu do ministro de Fomento o compromiso de alixeirar ao máximo a execución da A-57, a autovía de maior tráfico prevista na comunidade autónoma.