Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, levará a cabo os traballos de mellora do firme do treito polo que discorre a saída 7 (VG-4.2) da vía rápida do Salnés. O departamento que dirixe Agustín Hernández investirá un total de 217.183 euros na materialización destas obras, que nestes momentos se atopan en fase de contratación.
Está previsto que as obras se inicien no mes de xullo cun prazo de execución de aproximadamente dúas semanas, polo que estarán finalizadas antes de que remate o verán.
Esta obra, cuxo proxecto foi aprobado a comezos do mes de xuño, levarase a cabo entre os puntos quilométricos 0 e 1.000, nas proximidades de Santo Andrés de Barrantes, polo que a lonxitude a arranxar é dun quilómetro dos 4,5 con que conta o vial. Os concellos beneficiados por esta acción de mellora do firme son Ribadumia e Cambados, dando servizo a unha poboación de máis de 18.000 veciños. Asemade, veciños dos concellos de Vilagarcía de Arousa (37.329) e de Vilanova de Arousa (10.643) tamén se beneficiarán desta actuación, xa que son concellos colindantes, así como as empresas do polígono industrial de Cabanelas.
Estado deficiente
A actuación lévase a cabo porque a capa de rodadura deste treito ten un estado deficiente. Cos traballos que se acometerán preténdese dotar á vía dunhas mellores condicións de seguridade, conformidade, uniformidade e durabilidade. Farase unha rehabilitación do firme mediante o fresado da capa de rodadura e a extensión dun novo aglomerado.
Esta mellora viaria da VG-4 completarase co cambio da barreira de seguridade metálica existente por unha adaptación da barreira de protección de motociclistas. Tamén se mellorará a drenaxe lonxitudinal coa instalación de novas cunetas, a reposición de bordo e das vallas en mal estado de conservación e, por último, procederase á limpeza de marxes.
A Consellería de Medio Ambiente leva a cabo esta mellora viaria dentro das políticas de actuación dirixidas a dotar á Comunidade galega de infraestruturas de transporte e á mellorar a mobilidade dos galegos, incrementando a súa seguridade vial. Dende o departamento que dirixe Agustín Hernández destacase que todas as accións en materia de infraestruturas están reguladas por criterios, como a seguridade, calidade e racionalidade