26 junio 2009

BNG logra apoyos para el sector lácteo desde el Senado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).A Comisión de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente do Senado aprobou por unanimidade unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, cunha serie de medidas destinadas a garantir o futuro do sector lácteo.
En aras ao acordo unánime, o parlamentar do BNG aceitou transaccionar un acordo que foi asinado por todos os grupos.

Prezos, importacións, revisión da PAC, Plano Estratéxico sector lácteo e interprofesional

Unha das medidas é a defensa na UE de mecanismos que manteñan un nivel de prezos suficientes e estábeis que garantan rendas dignas aos productores. En canto ás importacións, o acordo insta ao Goberno a coordenar a posta en marcha dun programa de control de calidade do leite comercializada no Estado.
Tamén se pede ao Executivo que na revisión da PAC se adopten cantas medidas sexan precisas para unha maior competitividade do sector lácteo.

Outro dos puntos insta ao Goberno a desenvolver, dacordo coas CC.AA, o Plano Estratéxico para o sector lácteo do Estado español cun horizonte temporal para o 2015. Que estea doutado do financiamento axeitado que inclúa financiamento estatal, autonómico e da UE. O obxectivo é que se axude ás explotacións con vontade de permanencia a poder adaptarse á nova situación de liberalización do sector a partir do 2015 e poidan competir en igualdade de condicións coas dos outros paises.

Por último, emprázase ao Goberno a reforzar a Interprofesional láctea como institución representativa dos intereses do sector, así como estender a implantación de contratos tipo homologados para o subministro de leite.

A grave crise do sector lácteo e a necesidade de solucións

Na súa intervención en defensa da moción, o senador do BNG puxo de relieve a grave crise pola que atravesa o sector lácteo. Enfatizou a enorme baixada dos prezos do leite en orixe que, explicou, “é consecuencia de tres factores”.
En primeiro lugar, fixo referencia aos últimos acordos da UE que supuxeron un incremento lineal das cotas que prexudicou ao sector lácteo galego, e que beneficiou a algúns paises que están a colocar leite no mercado con técnicas ilegais, prácticas de dumping”. Nese sentido, mencionou a masiva introducción de leite de Franza a prezos inferiores aos que se lles paga aos productores.

Tamén denunciou a utilización abusiva por parte das grandes distribuidoras das denominadas marcas brancas a prezos inferiores aos da producción, e como reclamo doutros produtos.
Rematou salientando a importanza económica-social que o sector lácteo ten na Galiza e a necesidade de que o Goberno dea resposta aos seus problemas.