Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O novo xerente de Xestur-Pontevedra, Javier Domínguez Lino, visitou o pasado venres, día 26 de xuño, e tan só tres días despois de acceder ó seu posto, ós diferentes colectivos afectados polo polígono empresarial da Veigadaña. Domínguez entrevistouse, xunto coa Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Urbanismo, Sandra Temes, coa Asociación de Veciños da Veigadaña, con veciños afectados da Veigadaña e Castro, e coa xunta directiva da Unión Deportiva Mos no campo de fútbol das Baloutas. A Alcaldesa destacou da visita que “a menos dunha semana de tomar posesión do seu novo cargo, Domínguez reuniuse con tódolos colectivos afectados polo polígono para informalos da situación na que se atopa a súa problemática”.
O xerente de Xestur manifestoulles ós afectados a total vontade de colaboración da entidade á que representa e a súa intención de cumprir cos compromisos adquiridos pola anterior Xunta que lle competan; e nos que non sexan responsabilidade súa, a facer de intermediario perante a consellería, “a pesares de que os anteriores dirixentes autonómicos non deixaron soporte orzamentario para levar a cabo ditos compromisos”, asegurou. Asimesmo comprometeuse, pola súa banda, a acudir a Mos unha vez ó mes para comprobar, a pé de obra, as condicións reais do polígono industrial.
Javier Domínguez pediulles paciencia ós afectados polo polígono “xa que a nova Xunta acaba de tomar posesión e non vai ser posible arreglar nuns días o que o goberno previo non foi capaz de solucionar nun ano e medio”, dixo.
Pola súa banda a Alcaldesa agradeceu a presencia do xerente “con cuias declaracións queda claro que todo o que nos prometeran era mentira, o documento que logrei que me asinara o exdelegado en febreiro non tiña soporte económico, co que se demostra que estaban a rirse de nós, xa que a anterior Xunta non pensaba facer nada polos afectados da Veigadaña”, sentenciou Arévalo, quen tamén lle deu un ultimátum a Domínguez Lino deixándolle claro que “ata que non estean solucionados os problemas dos veciños e do campo de fútbol o Concello non lle vai a dar a Xestur a licencia de parcelación para que poida venderlle os terreos ás empresas interesadas en ubicarse no polígono da Veigadaña”. “A pesares da amizade que nos une non me queda máis remedio que porlle esta condición polo ben dos intereses dos veciños”, dixo a rexedora local.
No caso das vivendas o novo Xerente de Xestur recoñeceu que “os catro peritaxes que se fixeron das casas afectadas foron excesivos tendo en conta que non se lles deu resposta nin solución algunha ós veciños que habitan nelas”, e informou de que o vindeiro día 13 de xullo celebrarase a primeira reunión técnica para proceder á evaluación dos danos en ditas vivendas.
Sobre as melloras de urbanización, de acceso, nos taludes e no campo de fútbol das Baloutas, Javier Domínguez comprometeuse coa Alcaldesa e cos afectados a polas en marcha canto antes.