27 junio 2009

F-009 se compromete a modernizar y adaptar el sector naval

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo asegurou hoxe que o Goberno galego traballará para modernizar e adaptar a construción naval ás exixencias do mercado, superar as súas debilidades e garantirlle un futuro competitivo a longo prazo. Así o manifestou hoxe no acto de clausura do 48º Congreso de Enxeñería Naval e Industria Marítima que se celebrou en Vigo, onde avogou por establecer “solucións innovadoras” ligadas á tecnoloxía para avanzar cara ese éxito do sector.

O mandatario galego sinalou que a innovación e o deseño “son clave” para conseguir “manter o bo rumbo” da industria naval e acadar que sexa máis forte “neste mar de crise”. Por iso, referiuse á experiencia e coñecemento que existe deste sector en Galicia, que cualificou de “imprescindibles”, para acadar a súa adaptación ás novas exixencias do mercado actual, sobre todo para incorporar a investigación e as novas tecnoloxías.

“Fronte á crise son importantes o esforzo, a austeridade e a innovación; por iso, -apuntou- é o momento de tomar decisións coherentes e intelixentes”. Nesta liña, Feijóo remarcou que o compromiso do seu Goberno será “acadar a mellor utilización das vosas experiencias que apuntan a novas e variadas tecnoloxías para integrarnos cada vez máis cara a novas tendencias no sector da enxeñería naval e da industria marítima”.

O presidente da Xunta lembrou que Galicia foi sempre “peza clave” de peso na industria naval europea e mundial, acredora –dixo- de máis do 8 por cento da carga de traballo a nivel europeo e da que dependen 18.000 familias galegas. Non obstante, recoñeceu que, como no resto das actividades económicas, o sector ten sufrido unha “caída significativa” das contratacións nos mercados mundiais.

Fronte a iso, amosou o seu convencemento de que o encontro que hoxe clausurou “suporá un paso adiante no desenvolvemento da industria náutica a escala mundial”, e de que o seu resultado constitúe un conxunto de conclusións que “van supoñer unha inestimable axuda nun ámbito afectado pola recesión económica que vivimos”, observou.

“Sen dúbida un encontro como este aporta prestixio a unha poboación tradicionalmente vinculada ao mundo marítimo e que desexa facer do seu porto, dos seus estaleiros e da súa pesca importantes factores de desenvolvemento”, indicou o titular da Xunta, que eloxiou a eficacia das conclusións deste congreso para avanzar “na firme vocación” de dinamizar unha industria que é “importante xerador de riqueza e de postos de traballo na nosa comunidade”.