26 junio 2009

AVE : Feijóo viene a decir que no tenemos nada que temer...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá que o acordo pechado na reunión de onte co ministro de Fomento supón blindar a chegada do AVE a Galicia cun acordo por escrito no que se comprometen prazos, presupostos e unha comisión de seguimento que fiscalice o cumprimento destes compromisos. O máximo mandatario galego salientou que na etapa anterior había “datas, pero non presupostos”, e remarcou que Galicia dispón hoxe de 4.600 millóns de euros para licitar, contratar e adxudicar a totalidade das obras nos vindeiros 18 meses, antes de que remate 2010.

“É a primeira vez que este compromiso se vai asinar por escrito, é a primeira vez que temos unha data certa para licitar, adxudicar, e contratar a totalidade da obra; e cando diga a totalidade digo plataforma, vía, e catenaria e sistema de seguridade”, asegurou Feijóo. “A diferencia é substancial. O que acordamos foi licitar, adxudicar e contratar a totalidade da obra e, unha vez adxudicada, licitada e contratada, o que queren as empresas é acabar canto antes para poder cobrar. Polo tanto, a partir de aí, este Goberno e os seguintes teñen xa os presupostos comprometidos. O que nos preocupa é que todo estea licitado, adxudicado e contratado a 31 de decembro de 2010. A partires de aí o AVE queda blindado”, asegurou.

O presidente galego explicou que defendeu esta liña de actuación ante o ministro de Fomento tras comprobar o caso da conexión entre Ourense e Santiago, cuxa licitación foi publicada no BOE por un importe de 1.200 millóns de euros, e que se converterá no primeiro treito en entrar en funcionamento a pesar de que outros, como o do Eixo Atlántico, comezou a tramitarse antes, no ano 2000. “O procedemento é licitar a totalidade da obra e que a partir de aí veñan os prazos de execución técnica”, engadiu.

“Blindar o futuro para que non se volva a caer nos incumprimentos do pasado”
“Do que se trata é de blindarse para que no futuro non volvamos a caer nos incumprimentos do pasado”, asegurou Feijóo, quen salientou que, con este obxectivo, o acordo supón blindar “os presupostos necesarios para facer o AVE entre Galicia e a Meseta e o resto de infraestruturas, ademais da creación dunha comisión de seguimento que se reunirá cuatrimestralmente e coa que defenderemos que non se volva enganar a Galicia. “Blindamos en definitiva un futuro, o futuro das infraestruturas para Galicia”, engadiu.

O máximo mandatario galego salientou a súa intención de manterse vixiante para que “o ano 2015 non se converta nun novo 2012”. “E por iso o acordo non será para o 2015, será para o 2009, o 2010, o 2011, o 2012, o 2013, o 2014 e o 2015. Concretaremos o que imos a facer en cada un destes anos, e polo tanto non substituímos unha data por outra, senón que concretamos o que imos a facer en cada periodo ata finalizar as infraestruturas, e concretamos sobre todo o presuposto que vamos investir nos vindeiros 18 meses, máis de 4.600 millóns de euros”, asegurou. “Polo tanto non é un acordo dunha data, é un acordo de cada día, do que temos que facer, é unha guía de compromisos asinados para chegar á data final”, engadiu.

Pasos a seguir tras a reunión de onte
O presidente galego relatou os pasos a seguir tras a reunión de onte co ministro e asegurou que o primeiro será informar ao resto dos grupos parlamentarios. Feijóo reiterou que falará cos voceiros dos grupos antes de asinar o acordo e anunciou que a Xunta propuxo, na reunión de onte, que a oposición forme parte da comisión de seguimento a través da cesión dunha das prazas que corresponde á Xunta de Galicia.

Feijóo explicou que o paso seguinte será asinar o acordo, “protocolizar os compromisos formulados onte polo ministro de Fomento”; e, por último, plasmar estes acordos “no desenvolvemento real das infraestruturas en Galicia”.



Un novo modelo de relación
O presidente galego explicou, ademais, na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, que este acordo supón “un cambio” nas relacións institucionais entre a Xunta de Galicia e o Goberno central. “Entendemos que é un novo modelo, un novo modelo de relacións institucionais que se basea na lealdade recíproca, na realidade dos feitos, e en acordos produtivos que produzan efectos reais sobre a economía e sobre a obriga presupostaría do Estado”, afirmou.

“Non lles oculto que é certo que no referido ás infraestruturas e sobre todo á Alta Velocidade non hai bos precedentes, e non oculto a lóxica desconfianza do pobo galego en relación con este asunto”, continuou o presidente, quen manifestou que “Galicia decidiu onte asumir a realidade para non volver a aceptar incumprimentos”. “Asumimos a realidade de que existen retrasos no tren de Alta Velocidade, nas infraestruturas, e por iso pactamos as garantías de blindaxe en investimentos e prazos, cunha comisión de seguimento a través dun protocolo por escrito”, engadiu.

O máximo mandatario galego manifestou, por último, que o éxito da reunión de onte foi un éxito “de todos os galegos, un éxito traballado por todos, por todas as forzas políticas, traballado por todos os axentes sociais, un éxito en consecuencia da Comunidade Autónoma”. “Supón un logro de toda a cidadanía que foi crítica, que foi inconformista, que foi esixente e que nos axudou a asinar un acordo concreto con datas e presupostos fixos”, afirmou.

Transferencia das autoestradas
Feijóo referiuse, por último, ao tratado co ministro en materia de autoestradas e salientou a importancia do compromiso adquirido co Estado de transferir a Galicia a AP-53 entre Santiago e Dozón e de comprometer a transferencia da AP-9 unha vez solventados os proxectos da ampliación da autoestrada ao seu paso polas cidades da Coruña, Santiago e Vigo, ademais dunha solución definitiva para a ponte de Rande.

“E por suposto neste paquete ten que haber unha solución e uns prazos definitivos da AP-57, a autovía entre Pontevedra e Vigo, a alternativa á AP-9”, manifestou o presidente galego, quen destacou que a Xunta non vai aceptar ningunha transferencia “mentres non estean claros os accesos á Coruña, a circunvalación de Santiago e a Ponte de Rande”.