Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A deputada do BNG no Parlamento Galego, Ana Pontón, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza que apoie economicamente a presenza dunha traiña galega na Liga ACT (Asociación de Clubes de Traíñas) que se celebrará este verán.
A deputada nacionalista lembra que este verán organízase por primeira vez a EUSKOTREN, liga 2009 feminina de traíñas, que constará de 8 probas, dúas das cales se celebrarán en Galiza, os días 11 e 12 de xullo, no Grobe e Pontevedra, respeitivamente.
Neste sentido, Ana Pontón salienta que “as deportistas galegas teñen demostrado a súa vontade por participar nesta liga, pola proxección que lles dá, e para iso están traballando varios clubes a fin de competir cunha traíña que represente a Galiza”. Pon como exemplo o éxito acadado o pasado ano pola traiña galega na competición da Concha, en Donostia, onde venceu na primeira bandeira da proba feminina, “o que ven a demostrar a capacidade das nosas deportistas, colleitando éxitos e rachando co estereotipo de que este era un deporte masculino”.
O anterior Goberno galego asumira este compromiso cos clubes
A este respeito, a parlamentaria do BNG subliña que “o Goberno galego anterior tiña asumido o compromiso cos clubes de apoiar económicamente esta participación, así como poñer en marcha unha liga galega feminina de traíñas”.
“Dende o BNG pensamos que este esforzo ten que acompañarse por parte das administracións públicas, apoiando esta presenza e dándolle visibilidade ao deporte protagonizado por mulleres, unha liña de actuación que na pasada lexislatura se materializou dunha maneira clara e que é fundamental que o actual goberno non tire pola borda”, conclúe a deputada do BNG.