Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron este xoves o primeiro programa municipal de transición á vida autonóma co que conta a cidade de Vigo. Segundo explicaron os nacionalistas en rolda de prensa, esta iniciativa consiste na posta en marcha de dous novos pisos de acollida “para 13 persoas en risco social ou que xa están excluidas socialmente” e no seguimento por parte de profesionais para conseguir a súa plena integración social
“A mellora da calidade de vida da cidadanía, e en especial dos desfavorecidos, é un dos obxectivos prioritarios do noso goberno”, salientou o tenente de alcalde, “é por iso levamos dous anos incrementando os orzamentos de Benestar Social por riba do 30% respecto ao último orzamento presentado neste Concello polo goberno do PP”. Pero Santi Domínguez destacou que “temos moi claro que os menos favorecidos e as persoas que sofren as desigualdades son as primeiras destinatarias do noso goberno”.
O tenente de alcalde salientou que é a “primeira vez” que no Concello de Vigo se pon en marcha un programa pioneiro que busca a integración das persoas excluidas ou en risco de exclusión dunha maneira integral. “Non se trata de abrir dous pisos para que 13 persoas teñan un lugar onde durmir, é moito máis que iso”, resaltou. Ao respecto, explicou que as persoas que entre nos pisos van ter acompañamento realizado por profesionais dende o inicio da estadía ata a súa total integración. “Imos ofrecer tamén unha estrutura convivencial axeitada ás necesidades de cada unha desas persoas mediante itinerarios de inserción personalizados”, sinalou.
Na súa intervención recalcou que “estamos falando de 13 persoas e de 13 procesos, polo que para nós sería unha grande satisfacción dicir dentro duns meses que 13 persoas conseguiron integrarse na sociedade”. Indicou que nos vindeiros meses se valorará o funcionamento do programa, co obxectivo de amplialo se os resultados son positivos.
Santi Domínguez agradeceu aos técnicos “que fixeron posible este programa”, así como ao equipo de Benestar Social, á Fundación Emaús “que vai ser a encargada de de realizar o seguimento”, e sobre todo á concelleira María Méndez “porque non para no seu traballo de impulsar programas para mellorar a calidade de vida”. Neste sentido a concelleira nacionalista subliñou que se trata dun día “moi importante para toda a cidadanía porque se pon en marcha un recurso amplamente demandado pola sociedade e necesario para facer realidade a igualdade”.
María Méndez subliñou que coa posta en marcha do programa Vía se cumpre o compromiso de “traballar polo benestar, a calidade de vida das persoas e os sectores máis desfavorecidos” adquirido dende a chegada á Concellería de Benestar Social. Respecto aos requisitos para participar no programa, indicou que vai dirixido a persoas que se atopen en situación de desarraigo social ou familiar, teñan vontade de acadar a súa integración, carezan de vivenda ou vivan nunha infravivenda, estean empadroados en Vigo, teñan entre 18 e 65 anos e presenten déficits no desempeño das actividades da vida cotiá. “Trátase de conseguir que as persoas sexan autónomas e se autorresponsabilicen de si mesmas”, afirmou. Neste sentido engadiu que outro requisito para participar no programa é carecer de limitacións físicas ou psicolóxicas que provoquen a dependencia doutras persoas. “Para estes casos Benestar Social conta con outros progrmas”, apuntou.
A concelleira de Benestar Social explicou que o programa se desenvolerá en dúas vivendas con capacidade total para 13 persoas, 8 homes e 5 mulleres, en réxime de aloxamento compartido, cuxo funcionamento se rexirá por un regulamento interno. No tocante ao equipo encargado de realizar o seguimento, indicou que está composto 5 persoas, das que 2 son integradoras sociais, 2 educadoras sociais e 1 coordinadora. Ademais, sinalou que o ingreso nos pisos está aberto durante todo o ano, dependendo das prazas que haxa en cada momento, por un periodo de 6 meses prorrogables a outros 6 meses, en función da valoracións técnicas sobre as necesidades de cada persoa. Ao seu xuízo, “é preciso marcar un periodo de estadía porque non son vivendas para sempre, senón que son instrumentos para acadar a integración das persoas na sociedade”.