• Feijóo: “Por primeira vez teremos blindado un presuposto completo para o AVE coa Meseta”
• O presidente da Xunta afirma que o AVE galego “non é unha obra para Galicia, senón para o conxunto de España”
• “Despois de que o Goberno central recoñecese a imposibilidade de que o AVE chegase a Galicia en 2012, a Comunidade necesitaba unha garantía adicional que nos permitise recuperar a confianza: e esa garantía adicional será este acordo institucional”, destacou
• Amosa o seu desexo de que esta nova etapa traia mellores expectativas para Galicia, e remarca que sempre encontrarán ao seu Goberno “na defensa dos intereses xerais dos galegos”
• Destaca o compromiso adquirido polo Goberno de que a totalidade do AVE Santiago-Ourense e Eixo Atlántico estean 100% operativos no ano 2011 e 2012, respectivamente.
• Ademais, no ano 2012, todas as cidades galegas estarán conectadas con trens con características de alta velocidade e, o tempo de conexión entre Ourense e Madrid será de 4 horas e 15 minutos
• Feijóo explica que “o Goberno central adicará solo en AVE, nos vindeiros 18 meses, 4.700 millóns de euros en contratación e adxudicación, dos cales, 3.700 millóns investiranse en territorio galego”.
Madrid, 24 de xuño de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta e o Goberno central abrirán, coa firma dun acordo institucional sobre infraestruturas nas vindeiras semanas, “unha nova etapa de máis confianza”. O mandatario galego, quen se entrevistou esta tarde en Madrid co ministro de Fomento, José Blanco, salientou que este acordo incluirá presupostos, prazos e a posta en marcha dunha comisión de seguimento para a Alta Velocidade, as autovías, os portos e os seus accesos, así como os aeroportos.
Feijóo destacou, que o Goberno central comprometeuse a que a finais de 2010 o 100%do AVE coa Meseta estará adxudicado e contratado e destacou que “por primeira vez teremos brindado un presuposto completo para o AVE coa Meseta”
O presidente galego a firmou que “o AVE galego non é só unha obra para Galicia, senón para o conxunto de España. Vertebra un tercio do seu territorio e axuda a mellorar a cercanía e a competitividade de toda España”, engadiu o presidente galego na súa comparecencia, onde manifestou a súa vontade de integrar aos grupos parlamentarios neste acordo.
Compromisos concretos
No transcurso da súa comparecencia, o presidente da Xunta enumerou os compromisos obtidos do Ministerio de Fomento sobre a chegada da Alta Velocidade a Galicia. Así, o titular do Goberno galego adiantou, segundo lle transmitiu o ministro de Fomento, que o 100% dos treitos da conexión de AVE de Galicia coa Meseta estará en obras no ano 2010 e que a totalidade do AVE do Santiago-Ourense e o AVE do Eixo Atlántico estarán 100% operativos no ano 2011 e 2012, respectivamente. Ademais, no ano 2012, todas as cidades galegas estarán conectadas con trens con características de alta velocidade e o tempo de conexión entre Ourense e Madrid será de 4 horas e 15 minutos
Segundo o compromiso do Goberno, no ano 2015, a conexión entre Ourense e Madrid será de 2 horas e 10 minutos e o resto de cidades galegas estarán conectadas coa Meseta en menos de tres horas.
Feijóo explicou, tamén, que o Goberno central adicará nos vindeiros 18 meses, solo en AVE, 4.700 millóns de euros en contratación e adxudicación, dos cales, 3.700 millóns investiranse en territorio galego. O presidente galego destacou, ademais, o compromiso de axilizar o AVE directo entre Vigo e Ourense coa licitación conxunta do proxecto e da obra e, por último, a garantía obtida na reunión de hoxe de que a conexión entre Lugo e Ourense será polo sistema de dobre vía.
“Despois de que o Goberno central recoñecese a imposibilidade de que o AVE chegase a Galicia en 2012, Galicia necesitaba unha garantía adicional que nos permitise recuperar a confianza: e esa garantía diferencial será a firma deste acordo institucional”, destacou Feijóo, quen manifestou o seu desexo de que este punto de encontro sirva para “desterrar a inestabilidade e as vacilacións” na relación entre a Xunta e o Goberno central, que no futuro se guiarán, segundo destacou, “por este acordo formal, solemne e maduro que transcende aos gobernos actuais e que obriga aos futuros executivos por enriba das siglas”.
Lealdade entre administracións e un diálogo “baseado en exactitudes”
O presidente da Xunta agradeceu o clima de cordialidade no que se desenvolveu a entrevista e asegurou que esta reunión –a segunda cun membro do Goberno central despois da de Zapatero- é unha proba “ben ilustrativa” da importancia que a Xunta concede ao desenvolvemento dos proxectos que Fomento ten pendentes na Comunidade. “Non en vano, as infraestruturas son un elemento básico para garantir a competitividade de calquera territorio, e se ese territorio se sitúa na esquina de Europa e ten unha orografía complicada, entonces as infraestruturas son absolutamente imprescindibles para poder progresar”, salientou.
“Teño a esperanza de que a nova etapa que se está iniciando tanto en Galicia como no Ministerio de Fomento abra serias expectativas para nós. Desde logo, e polo que respecta á Xunta, non imos defender ningunha outra cousa que o que sexa o interese xeral. No que sexa bo para os galegos, nos van encontrar sempre”, manifestou o titular da Xunta.
Nesta liña, o presidente galego asegurou que a Xunta é “un Goberno responsable que aspira a que os galegos superen o seu lóxico desencanto coa evolución das infraestruturas pendentes en Galicia”. “Por iso, o Executivo estatal pode ter a certeza de que na Xunta atopará sempre a man tendida e a nosa constante lealdade. Entendendo que a lealdade ten que ser recíproca e a síntese de fidelidade, verdade e realidade”, asegurou. Neste sentido, Feijóo avogou pola lealdade entre administracións; polo diálogo permanente, “pero un diálogo baseado en exactitudes, non en vaguidades imprecisas ou en incumprimentos”; e apelou a “realidade”: “porque só haberá unha proba de que as relacións entre a Xunta e Fomento progresen adecuadamente, a paulatina apertura das infraestruturas pendentes”.