29 junio 2009

La nueva Xunta comienza a organizar los habituales "festivales" para los mayores

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Os 17 centros sociocomunitarios da provincia de Pontevedra daranse cita o martes día 30 de xuño na Finca do Pazo de San Roque en Vigo para celebrar unha xornada de Encontros, unha festa de maiores organizada pola delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo que ten coma principal obxectivo mostrar publicamente o traballo que os usuarios e usuarias destes centros realizaron ao longo de todo o ano así como intercambiar experiencias á vez que fomentar o coñecemento da nosa cultura e o encontro de todos dentro dun marco festivo.

Serán ao redor de 2.500 persoas, usuarios e usuarias dos devanditos centros, as que gozarán dun día de festa. Encontros é así unha xuntanza onde se fará visible o funcionamento e dinámica dos centros sociocomunitarios coa participación activa das persoas que lles dan vida: os propios usuarios e usuarias, os monitores, os consellos de usuarios, os voluntarios, os directores e directoras. Todo, no marco dun ambiente festivo e de romaría onde se mostrará a actividade sociocultural e lúdica dos centros.

A festa dará comezo ás 10,30 horas da mañá coa recepción de participantes e coas exhibicións de taichi, ioga, ximnasia e aeróbic. Serán os grupos de actividades físicas de todos os centros os encargados de mostrar as súas habilidades nestas materias. Mentres, e en diferentes espazos da Finca de San Roque, actuarán os grupos dos talleres artísticos de pintura, manualidades, palilleiras, bordados, exposición do traxe tradicional galego, esmalte ao lume e xogos tradicionais. Todos os participantes lucirán camisetas de diferentes cores para dar unha nota de cor á romaría popular. Ademais, durante todo o día haberá dúas pantallas xigantes onde se poderá observar a rica actividade cultural que se realizou en cada un dos centros participantes.

O acto contará coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, que participarán do encontro festivo a partires da unha da tarde.

No xantar popular estarán presentes as distintas autoridades e ao longo do mesmo levarase a cabo un sorteo de cinco viaxes para dúas persoas que dará paso despois ás actividades da tarde, momento para gozar das actuacións dos grupos artísticos dos centros. Tocaralle o turno ás danzas do mundo, aos bailes de salón e ás actuacións das corais. Será sobre ás 19,00 horas cando remate o encontro co fin de festa, despedida dos participantes e saída ordenada dos autobuses.

Os 17 centros sociocomunitarios que participan neste evento son os de
Pontevedra, Tui, Cangas, Porriño, Baiona, Redondela, Vilagarcía e Vilaxoán ademais da Casa do Mar de Cambados, Marín e A Estrada así como os centros de Vigo de Rivera Atienza, Teis, Calvario, Vigo-Centro, Coia e Bouzas.