24 junio 2009

Análise do PP : "Os bipartitos municipais enfilan a súa recta final deixando tras deles un rastro de desgoberno, parálise, desunión e enfrontamentos"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Cumpridos dous anos da constitución dos gobernos municipais, o PPdeG non pode senón lamentar que o balance que arroxan os bipartitos municipais sexa desolador. Os populares cren que a nefasta xestión conxunta de PSOE e BNG nos concellos galegos é sinónimo de desgoberno, parálise, desunión, enfrontamentos e malas noticias. Ademais, lamentan que non haxa indicios de que esta preocupante situación non vaia repetirse ou ata vaia empeorar nos próximos 24 meses.

O Partido Popular de Galicia está convencido de que un amplo espectro da poboación que votou PSOE ou BNG en 2007 non volverá facelo dentro de dous anos sabedor de que a coalición entre ambos é tóxica para os intereses dos concellos. A cidadanía non está contenta coas alianzas subscritas nos seus municipios, e por iso retirará a confianza depositada neses partidos nas municipais de 2007.

O PPdeG cre tamén que a vitoria de Feijóo nas autonómicas do 1 de marzo foi tamén unha bofetada a un modelo de xestión baseado na constitución de dous gobernos paralelos na que sobran enfrontamentos e tensións e falta cordialidade, coordinación e traballo en equipo. Os populares cren ademais que as accións dos gobernantes non deben estar marcadas polos celos senón polos intereses xerais, e iso non pasou en concellos como Vigo, Ourense, A Coruña ou Pontevedra.

DOBRE CRISE
"As sete cidades galegas padecen unha dobre crise: a económica e a política que xeran uns bipartitos que, aínda que condenados ao fracaso electoral, mentres resisten estanse a levar por diante as posibilidades de desenvolvemento dos cidadáns aos que goberna. O 1 de marzo foi unha moción de censura virtual ao modelo de xestión bipartito nos concellos: Guillerme e Manuel Vázquez así o entenderon, e por iso trataron de encher titulares dicindo que aspiran a gobernar en solitario. Sendo así, deben dicir xa mesmo que en ningunha das sete cidades, así como no resto de concellos de Galicia, asinará alianzas de goberno co contrario. O PPdeG cre que ese discurso só pode ter credibilidade dunha forma: rompendo xa mesmo as alianzas que manteñen entre si PSOE e BNG, e dicindo que, sexa cal for o resultado de 2011, non pactarán entre eles, e menos para arrebatar alcaldías ao partido máis votado", refere o Partido Popular.

"Socialistas e nacionalistas son expertos en dicir unha cousa e en facer a contraria, e este será un novo exemplo. Xa que logo, os cidadáns de moitos concellos galegos están abocados a sufrir dous anos máis de parálise e subdesenvolvemento con bipartitos que antepoñen as súas ansias de poder ás necesidades da xente", sinala o PP.