Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitou hoxe a súa intervención na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado para reclamarlle ao vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, unha “activa implicación” da Administración Xeral do Estado no proceso de transferencia de competencias a Galicia.
Nese sentido, o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pediu que se faga efectivo o traspaso das transferencias sobre as que hai xa acordo político e instou tamén a iniciar as negociacións que posibiliten a transferencia a Galicia de novas competencias que, residenciadas na Comunidade, ofrecerían un mellor servizo público aos cidadáns.
Dentro do primeiro grupo, Rueda instou ao peche definitivo da transferencia das competencias que atinxen ás bolsas ao estudo, museos, arquivos e bibliotecas e a referida á débeda de superficie, así como a de tráfico, que defenderán no Congreso dos Deputados os representantes do Parlamento galego.
En canto a novas atribucións, o conselleiro citou competencias relativas a portos de interese xeral, ordenación do sector pesqueiro, inspección e vixilancia pesqueira, transferencia da titularidade das autoestradas AP-9 e AP-52 e a encomenda de xestión do dominio público marítimo-terrestre.
Financiamento autonómico
O conselleiro galego tamén quixo facer referencia na súa intervención á cuestión do financiamento autonómico, sobre a que fixo unha aposta pola “cultura da multilateralidade”. Nese sentido, lembrou que todas as autonomías son Estado e concluíu que no financiamento do Estado das Autonomías “temos que estar todos”.
Rueda insistiu en que se deben ter en conta no novo modelo as peculiaridades galegas, especialmente a dispersión e o envellecemento da poboación, que tanto encarecen a prestación dos servizos. Así, considerou necesario elaborar un mapa de servizos que permita o coñecemento dos custos efectivos de prestación de servizos en todas as comunidades.
Así mesmo, avogou por que o financiamento local se vincule á reforma do financiamento autonómico e, no marco da Administración local, avanzou que o Goberno galego quere promover unha reforma da Lei de Administración Local de Galicia, polo que pediu ao Executivo central que aprobe canto antes unha normativa básica na materia.
Noutra orde de asuntos, o representante da Xunta instou a Chaves a que contribúa á revitalización da Conferencia de Asuntos Relacionados con las Comunidades Europeas (CARCE), xa que nos últimos anos as autonomías tiveron dificultades para acadar unha efectiva participación na formación da vontade do Estado nas institucións comunitarias.
Policía autonómica e voto emigrante
Rueda tamén advertiu da necesidade de que o Ministerio del Interior convoque un concurso específico de méritos para proceder á cobertura de prazas vacantes na unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma galega, porque na actualidade a Comunidade conta con menos de 400 policías, cando na relación de postos de traballo figuran 500.
Finalmente, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza lembrou unha das reclamacións históricas de Galicia, como é a cuestión do voto emigrante. Rueda subliñou que o Goberno galego quere que os emigrantes galegos sexan cidadáns e votantes de primeira e, polo tanto, que poidan exercer o seu dereito a sufraxio nas mesmas condicións e coas mesmas garantías que os galegos que residen na Comunidade.