Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, presentou esta mañá o novo número da revista “Obradoiro de Artesanía”, que se elabora semestralmente a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño co obxectivo de que funcione como un “escaparate da heteroxeneidade da artesanía en Galicia, así como unha ferramenta de comunicación, de cohesión, desenvolvemento e de promoción do propio sector artesán”. Durante o acto de presentación, Nava Castro salientou a forte aposta que se está a realizar dende a Consellería de Economía e Industria pola divulgación do sector artesanal galego grazas á páxina web www.obradoirodeartesania.com, que está dispoñible a partir deste terceiro número.
Este novo sitio web permitirá un acceso masivo a todos os contidos da revista, tanto na súa versión en galego coma na versión en inglés, ao tempo que ofrecerá un servizo de arquivo para poder consultar as edicións anteriores da revista. Outra das novidades que aparecen coa publicación deste terceiro número da revista é que, ademais de entre artesáns, “Obradoiro de Artesanía” distribuirase entre as 118 tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, centros públicos de ensino relacionados coa artesanía, museos e galerías de arte de Galicia e centros de artesanía doutras comunidades autónomas. Así mesmo, a revista distribuirase nas súas versións en galego e en inglés entre os establecementos turísticos que contan co distintivo de calidade de Turgalicia, entre os que se encontran hoteis, balnearios, paradores e establecementos de turismo rural de diferentes zonas de Galicia.
“A nosa intención é abrir a artesanía cara á sociedade e cara ao exterior e, ao mesmo tempo, ampliar a presenza do noso sector nos mercados”, indicou Nava Castro. Durante o acto de presentación, a directora xeral destacou tamén a importancia da revista como unha ferramenta dobre ao servizo da comunicación co sector: dunha banda permite que os artesáns coñezan as iniciativas que se están a impulsar dende a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Da outra, a revista permítelle aos propios artesáns coñecer tamén o traballo que se está a realizar en Galicia, ofrécelle un espazo de exhibición da artesanía e dálles a posibilidade de coñecer as relacións que se establecen entre a artesanía e outros ámbitos coma o deseño, a fotografía, a arquitectura, a moda ou a arte, eidos que forman parte dos contidos habituais das diferentes edicións de “Obradoiro de Artesanía” e que complementan os contidos relacionados coa artesanía tradicional que conta cunha forte presenza en cada número.
Por último, Nava Castro destacou que neste terceiro número da revista se inclúen reportaxes sobre a primeira edición da Mostra de Artesanía de Galicia (MOA), sobre artesanía tradicional – entre os que destacan espazos dedicados ao téxtil, á cestería, á tornería, á encadernación ou á elaboración de zocas – sobre o gravado, sobre escenografía, sobre a aplicación da elaboración artesanal de instrumentos ás novas correntes da música galega actual ou sobre unha actividade que non se adoita relacionar co mundo da artesanía como é a elaboración de redes.